Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A XESTIÓN DO LIXO EN GALIZA (I)

Sogama, a difusa fronteira entre o servizo público e o negocio privado

O Plan de Residuos Urbanos deseñado pola anterior administración fai augas ambiental e economicamente; a Xunta ultima unha nova estratexia.

Ramón Vilar - 10:00 09/10/2007
Logotipo da empresa semipública

Logotipo da empresa semipública

En abril de 1992 a Xunta aprobaba a constitución da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama). O goberno que presidía Manuel Fraga deseñaba, man con man coa todopoderosa Unión Fenosa, un modelo de xestión de residuos baseado na incineración e que se centralizaba nun só municipio: Cerceda.

O executivo, que vivía aínda a borracheira da primeira maioría absoluta, sabía que o sistema escollido non era, nin moito menos, popular. Mais a pesar diso, amarrado xa o segundo mandato, chegaba o momento de sacar adiante a decisión tomada. Todos os grupos ecoloxistas criticaban de xeito radical un sistema que consideraban ineficaz e moi contaminante. A isto había que sumar a previsíbel oposición de calquera veciñanza a converterse da noite para a mañá na capital do refugallo.

A Xunta e Unión Fenosa tiñan dende tempo antes a decisión tomada. Cerceda, a pesar de atoparse lonxe do centro xeográfico do país, era o concello ideal para albergar a controvertida incineradora. Había numerosos factores que avalaban esta particular decisión. Un dos principais era a propia experiencia da compañía eléctrica. A central térmica de Meirama, un dos 30 maiores focos contaminantes de toda a UE, estaba en funcionamento dende o principio dos anos 80. Atrás quedaba unha dura loita para ocupar as terras das Encrobas que agochaban o lignito necesario para o seu funcionamento.

O bombeo de fondos públicos
O executivo Fraga puxo todas as cartas enriba da mesa. Aquel goberno, urxido, ben é certo, polas propias directrices ambientais europeas, estaba disposto a acabar cos centos de vertedoiros incontrolados espallados por toda Galiza e para iso atopara a improvisada panacea no chamado modelo Sogama. Cumpría concienciar á poboación nos “tres erres”: Reducir, reciclar e reutilizar. A incineración era ambientalmente a peor das solucións pero, como estratexia última, tamén era necesaria. A administración dispúxose a gastar inxentes cantidades de cartos en campañas publicitarias, en boa parte canalizadas a través de anuncios e publireportaxes en medios de comunicación. A fórmula tiña unha segunda intención: minimizar as voces críticas co sistema elixido.

Dende San Caetano e Bruxelas comezou o bombeo de fondos públicos para a construción das instalacións de Sogama. A Xunta expropiou os terreos necesarios nos montes de Morzós (As Encrobas), uns terreos que curiosamente están a menos dun quilómetro da térmica de Unión Fenosa. De pouco valeron as protestas, a máis importante remóntase a xuño de 1995: preto de 3.000 persoas manifestáronse en Cerceda contra a incineradora. En outubro de 1999, a Garda Civil prendía dezanove activistas de Greenpeace que bloqueaban a entrada de camións con lixo. Porén, a principal batalla, a dos propios veciños do municipio, estaba gañada. Moitos viron na planta un futuro laboral que non garantía un sector agro-gandeiro en permanente crise.

Preto de 170 millóns en obras
Cos terreos no peto e no medio dunha progresiva desmobilización social, Sogama asina o contrato para a construción das instalación coa Unión Temporal de Empresas “Plantas RSU Meirama”. A UTE está integrada por Nexo Entrecanales y Cubiertas S.A; Grupo Acciona, S.A.; Cubiertas y Mzov S.A; Dragados y Construcciones, S.A: Técnicas Reunidas S.A; e Abengoa, S.A. As obras valoradas en máis de 145 millóns de euros comezan en setembro de 1997. O importe dos traballos acabou encarecéndose en case outros cinco millóns de euros. Por se isto fora pouco, a UTE presenta a finais de 1999 unha solicitude de “sobrecustos”. Se o orzamento inicial era de 145,6 millóns o custe final, unha vez entregadas as obras, ascendeu a case 169 millóns de euros (máis de 28.000 millóns das antigas pesetas).

A falta de previsión e a pouca eficiencia no gasto público comeza ben axiña: As probas iniciais que se realizan en abril de 2001 confirman que o funcionamento das plantas é incorrecto e que os traballos non están ben feitos. Porén, Sogama decide “tomar posesión” das obras para non perder os fondos que veñen da UE.

En pouco tempo os peores presaxios comezaron a ser unha evidencia. O modelo Sogama facía auga por todas partes. Aquela solución “punteira a nivel europeo”, como gustaban de dicir altos cargos da Xunta, estaba desbordada ao pouco de comezar a funcionar. A incineración masiva de residuos corría paralela á continua inxección de fondos públicos.

Un mal negocio para todos?
Unión Fenosa posúe o 49% de Sogama e a Xunta o 51% restante. Mais o último informe do Consello de Contas relativo ao ano 2004 sinala como un servizo público pode acabar supeditado, en boa parte, aos propios intereses do capital privado.

A través de filiais como é o caso, entre outras, de Unión Fenosa Operación y Mantenimiento e Soluziona Operación y Mantenimiento, Unión Fenosa controla boa parte dos servizos que precisan as instalacións de Cerceda. Un exemplo é que a propia eléctrica facturoulle á sociedade publica, a través de empresas do mesmo grupo, máis de 18,5 millóns de euros só no ano 2004.

O último informe do Consello de Contas detectou modificacións de contratos que presupoñen a existencia de pactos preferenciais cara filiais de Unión Fenosa que “pretenden blindar economicamente a posición da empresa adxudicataria contravindo o estabelecido no prego de bases de concurso”. Por se a análise non fora suficientemente explícita, fálase tamén da “posíbel colisión de intereses (xa advertido no informe do Consello de Contas de 1999) entre as empresas do grupo Unión Fenosa e os de Sogama”.

Pero aínda máis aló, o informe detecta que Unión Fenosa é, ademais de parte interesada tamén xuíz. O consello de administración da sociedade pública está formado por 11 persoas (6 designadas pola Xunta e 5 pola empresa eléctrica). Nas actas do período 1999-2004, e a pesar dos evidentes intereses en xogo, os conselleiros de Unión Fenosa tan só se abstiveron nunha ocasión.


4.69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: