Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuízo na Estrada

A fiscalía desestima a demanda contra o historiador Dionisio Pereira

A xuíza debe ditar sentenza sobre se o autor atentou contra a honra dun ex-alcalde franquista, como reclamaba a familia.

Vídeo: Pedro Carrasco, Texto: Modesto del Río - 19:11 02/10/2007

No medio dunha grande expectación e apoio popular, o historiador Dionisio Pereira acudiu este martes á súa cita no xulgado de Primeira Instancia da Estrada. O motivo, unha denuncia dos descendentes de Manuel Gutiérrez Torres, antigo alcalde de Cerdedo, que consideraban que un estudo do autor atentaba contra a súa honra.

Malia todo, os argumentos da acusación particular non convenceron o fiscal, que acabou por desestimar o suposto dano á honra da familia do ex-alcalde. Agora será a xuíza a que teña a última palabra cando dite sentenza. Lola Varela, voceira da asociación Verbo Xido, da que tamén forma parte Pereira, falou con Vieiros do resultado do xuízo.

Vieiros: Que impresión levan ao saír do xulgado?

Lola Varela: A valoración en principio é boa, posto que o informe final do fiscal desestima a demanda de atentado contra a honra de Manuel Gutiérrez Torres, porque non se lle atribúen actos concretos nin consta que os seus descendentes sufrisen ningún prexuízo pola publicación. Así, parécenos moi importante que se desestime esa demanda. Outra cuestión é o que determine a xuíza. En principio estamos contentos, pero hai que esperar a resolución. Sexa como sexa, se sae en contra seguiremos reclamando e pedindo xustiza. O que lle pasou a Dionisio non pode quedar impune.

V: E a reacción da xente que acudiu no seu apoio?

L. V.: Tivemos moi boa impresión da xente que asistiu, mesmo moita quedou fora. Había escritores, historiadores, representantes de asociacións pola recuperación da memoria histórica... Moitos solicitaron unha copia en vídeo do xuízo. A produtora Pórtico gravouno integramente como parte dunha reportaxe de Manuel Abad. Agora a xente está a pedir copias para poder revisalo e debater, porque se trataron temas moi interesantes, como os mundos diferentes, os distintos xeitos de interpretar a realidade. Saíron cousas de interese, como a intervención do vicerreitor Lourenzo Fernández Prieto sobre os métodos de investigación. Á parte do caso en si, está en cuestión o traballo dos historiadores, a súa metodoloxía.


4,59/5 (22 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: