Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Créase un mal precedente no país"

A legalización da mina da Campa suporá "mil Prestige máis para Galiza"

Adega critica a "falta de imaxinación" dos "políticos preguiceiros" por non dar cunha alternativa laboral para os traballadores da explotación.

Redacción - 19:01 27/06/2007
Imaxe da mina da Campa / Foto: Adega

Imaxe da mina da Campa / Foto: Adega

"O Consello da Xunta foi vítima dunha chantaxe continua de feitos consumados". Deste xeito cualificou o vicepresidente da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Daniel López Vispo, a situación vivida coa explotación mineira da Campa, en Folgoso do Courel, dende que en 1989 a empresa Cupire Padesa se fixese cos dereitos de aproveitamento desta até que a semana pasada fose legalizada polo Consello da Xunta, tras operar durante máis de quince anos en situación ilegal sen contar co pertinente estudo de impacto ambiental e sen licenza municipal.

As numerosas ordes de paralización da canteira, en 1995, en 2001 e o 15 de abril de 2002 tras unha denuncia do Seprona, foron obviadas reiteradamente tanto pola empresa como polo concello, incluso despois de que o Tribunal de Xustiza de Lugo, primeiro, e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, despois, rexeitasen os recursos presentados por Cupire Padesa. Namentres, esta seguiu operando nunha área que está cualificada como Espazo Natural Protexido dende 1991, e que, segundo Adega, foi sacada da Rede Natura por intereses económicos e espurios.

"A decisión do Consello da Xunta causa un mal precedente na zona", sinalou López Vispo, debido ao elevado número de peticións de permisos de aproveitamento mineiro que hai e ao resto de explotación en situación ilegal do país. "Non entendemos a decisión" do Goberno xa que "non é coherente coa actitude que está a ter en defensa do litoral", engadiu, e sentenciou que se trata "dunha ofensa a todos os cidadáns que cumpren coa legalidade urbanística".

Valor xeolóxico único

A asociación ecoloxista Adega quixo denunciar esta situación convocando esta cuarta feira aos medios de comunicación. Na conferencia de prensa, ademais de López Vispo, estiveron presentes a presidenta de Adega, Adela Figueroa, e o catedrático de Xeoloxía da Universidade da Coruña, Xoán Ramón Vidal Romaní.

Precisamente, este último dixo que "xa non lle podemos botar a culpa a Fraga (o ex presidente da Xunta) desta situación", e cuestionouse "que intereses hai para que unha empresa ruinosa -xa que só aproveita o 1% do que extrae- teña o apoio tácito dos gobernos para poder violar todas as leis".

"Os galegos somos os máis primos; producimos a cuarta parte de toda a lousa do mundo e non sacamos ningún beneficio a cambio, só a ruína do noso patrimonio natural", sinalou Vidal Romaní, quen cualificou de "falsidade" a vocación mineira de Galiza xa que "as lousas son iguais en todos os sitios". Ademais, salientou o valor único da Serra do Courel que "máis alá da riqueza da súa biodiversidade, alberga o que é a orixe xeolóxica de Galiza".

Por último, Vidal Romaní, parafraseando a Álvaro Cunqueiro, afirmou que "isto que autorizou o Consello da Xunta supón mil Prestiges máis para Galiza".

Actuacións previstas por ADEGA

A presidenta de Adega, Adela Figueroa, anunciou que recorrerán a decisión do Consello de Goberno, que xa está denunciado ante a Unión Europea. Así entre as propostas alternativas que propoñen salienta a creación dun plan integral de desenvolvemento para o Courel "que xa debería de estar feito", para evitar deixar os seus habitantes "limitados", sen posibilidade de elección.

"Ante a falta de expectativas non lles queda outra que traballar na mina", sinalou a presidenta de Adega, que aposta por crear emprego ao redor da posta en marcha do Parque Natural. Neste senso puxo como exemplo o de Somiedo (Asturias), que recibe 6 millóns de euros anuais da UE, o dobre que o Courel, malia ocupar moito menos espazo.

Ademais, Adela Figueroa criticou os "políticos preguiceiros" que poñen como escusa o mantemento dos 73 postos de traballo da mina para darlle licenza a mina da Campa malia incumprir a lei, en troques de achegaren ideas alternativas para o desenvolvemento da bisbarra.

Tamén aproveitou para criticar as últimas declaracións do conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, quen na mañá deste mesmo mércores asegurara que "a mina non está en absoluto nun espazo natural". "Unha cousa é que non estea na Rede Natura e outra moi diferente é que non estea nun espazo natural, que foi o que el dixo", indicou Figueroa.


4.8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: