Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reaccións negativas dende CCOO

Será As Pontes a próxima localización de Ence?

O candidato socialista e probábel futuro alcalde deste concello quere que a papeleira de Lourizán sexa trasladada alí e anunciou que comezará as xestións co presidente da celulosa.

Redacción - 19:01 30/05/2007

O futuro alcalde das Pontes de García Rodríguez, o socialista Valentín González Formoso, anunciou que en canto tome posesión de novo ofreceralle ao presidente de Ence chan dentro do seu concello para trasladar alí a papeleira de Pontevedra. Declarou que o asentamento de celulosas será "unha das súas prioridades".

González Formoso considera o pontense o municipio idóneo para a instalación da planta de celulosa, por ter un dos índices de pluviosidade máis altos de España. Actualmente conta con dous embalses de auga que garanten o subministro de auga necesario para o proceso dunha planta de fabricación de pasta e papel. Engadiu que aínda no 2011 disporá doutro embalse maior, polo recheo do oco da mina explotada por Endesa.

As cen hectáreas da zona, a súa proximidade ao porto de Ferrol e a posibilidade de subministrar gas natural por gasoduto, ademais da garantía de subministro eléctrico, por ter o maior complexo de xeración eléctrica do país, e de inserirse nun espazo con abondosas plantacións de eucalipto.

Primeiras reaccións

Xa protestou o secretario comarcal de CCOO en Pontevedra. José Luis García Pedrosa, que alude á "repercusión económica que suporía" o traslado da fábrica. Aínda que loou que o alcalde das Pontes queira levar emprego industrial ao seu municipio, subliñou "unha cosa son os intereses políticos e outra os empresariais", xa que, segundo Pedrosa, a dirección de Ence non está disposta a facer un investimento tan importante en Galicia, posto que segue traballando no proxecto dunha fábrica dun millón de toneladas de pasta de papel no Uruguai. Alí planea montar unha fábrica xunto con Botnia no río Uruguai, na fronteira entre este país e Arxentina. A Asemblea Cidadá Ambientalista de Gualeguaychú está a loitar contra a instalación da papeleira, advertindo dos danos ambientais e de saúde que pode provocar.


3.67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: