Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
A policía impediulles saír ao mar este mércores

Mariñeiros ferroláns reteñen o presidente da Autoridade Portuaria

Para favorecer a previsíbel entrada do gaseiro contra as 16h desta tarde, a policía tomou o peirao. Os mariscadores pecháronse na sede da Autoridade Portuaria, onde reteñen o presidente, Amable Dopico.

Redacción - 11:40 30/05/2007

Ferrol amenceu este mércores cunha ampla dotación policial bloqueando a zona do peirao co obxectivo de impedirlles aos mariñeiros a saída á ría. Arredor das 16h agárdase que o metaneiro Mourad Didouche tente entrar cara á planta de Reganosa.

En protesta por estas medidas, un grupo de mariñeiros entrou na mañá deste mércores na sede da Autoridade Portuaria de Ferrol onde permanecen pechados e impedíndolle a saída ao presidente da entidade, Amable Dopico. Desde o Comité Cidadán de Emerxencia explican que a situación é tensa neste momento. Ao tempo, permanece preso desde o martes o presidente da Confraría de Pescadores de Ferrol, Bernardo Bastida.

Ao respecto, desde a asemblea da Plataforma Ártabra destacan a "gravidade" dos feitos acontecidos durante a xornada do martes no peirao ferrolán e cualifican de "brutal" a actuación policial, ao tempo que denuncian que participasen tamén militares na operación despregada para frear as protestas contra Reganosa.

Nese sentido, esixen responsabilidades políticas por "militarizar" un conflito que non debera saír do ámbito civil, e láianse de que "autoridades chamadas progresistas" boten man de "métodos impropios destes tempos". A Plataforma denuncia especialmente os "métodos" e os "excesos" utilizados polas forzas policias despregadas "cunha saña na carga que lembran os tempos dos vellos grises". Por último, piden a liberdade do patrón maior da confraría, Bernardo Bastida, e a dimisión do delegado do goberno, Manuel Ameijeiras, pola "falta de talante democrático".


4.92/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: