Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Entrevista a Pedro Gómez Valadés

"Non somos un club de fans do goberno israelí"

Falamos co presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel, centro dunha polémica fronte a membros do BNG que consideran que a súa pertenza ao colectivo é incompatíbel coa militancia na formación.

Roberto Noguerol - 08:00 17/03/2007
Pedro G.Valadés

Pedro G.Valadés

Vieiros: Cóntenos, como é por que se crea esta asociación?
Pedro G.Valadés: Un grupo de xente do país, de procedencia moi heteroxénea, coincidimos arredor da idea e con vontade de sacala adiante. É ben certo que internet favoreceu especialmente que nos coñecésemos. Vimos que eramos numerosos e en decembro de 2006 decidímonos a constituír formalmente o proxecto.

Entendemos que na orixe está unha forte compoñente cultural, o vencello histórico da comunidade xudía con Galiza?
É un dos puntos fundamentais, recuperar como parte da nosa memoria histórica a presenza dos xudeus entre nós. En Galiza temos moitas débedas ás que atender, é unha delas é a que temos coa pegada histórica dos xudeus no país.

Con que outros obxectivos nace o colectivo?
Entre os eixos fundacionais, que en ningún momento se entende que teñan por que bater con ninguén, está tamén a loita contra a banalización do Holocausto. Agora que por lei de vida moitas das testemuñas directas daquilo comezan a desaparecer, nós como demócratas temos a obriga de manter viva a súa memoria contra antídoto contra todo tipo de intolerancias, recordando aquela barbarie onde morreron tantos millóns de persoas. Lembremos que non hai moito que nos Balcáns se viviron situacións que lembraban nalgunhas cousas ao daquela acontecido.

Unha terceira intención é a vontade de achegar outra visión sobre o conflito en Oriente Próximo. E a nosa posición aí é defender que non todo é nin branco nin negro, que uns non son todos bos e os outros todos malos. Defendemos que é unha situación moito máis complexa. E cremos que ás veces non se fai unha información equilibrada. Por iso, nós pretendemos achegar máis información, para que logo cada un se forme o seu propio criterio.

É significativo que o colectivo reúna o consenso de xente de diversas opcións ideolóxicas...
Si, hai membros que son simpatizantes ou militantes de moi diversos partidos, sexa PP, PSOE, BNG ou IU. Cando os socios decidiron escollerme como presidente sabían da miña militancia no Bloque, e non tiveron obxeccións porque non creron que iso fora obstáculo ningún. Se non é un problema para eles, non vexo por que ten que selo para o BNG.

E que obxeccións lle puxeron a vostede na asemblea comarcal do BNG en Vigo?
De todo. Foi realmente unha situación kafkiana. O que algúns dixeron resulta mesmo doloroso lembralo. Desde acusarme de estar a soldo do Mossad, até chamarme directamente asasino e dicirme que non querían compartir militancia cun asasino.

O BNG vén de pasar por un complicado xogo asembleario de equilibrios... non podería ser que o acontecido teña algo que ver coa súa afiliación particular dentro do Bloque neste proceso?
Algo pode haber, xúntase todo e desde algúns sectores amósase unha visión stalinista da organización. Creo que hai unha transición que moitos teñen pendente de facer. Hai quen confunde o BNG plural coa súa propia organización. Eu sempre estiven en Esquerda Nacionalista, e neste tempo, aínda que vivín enfrontamentos fortes, nunca vira tal despropósito. A actitude desde a que veñen eses insultos nace dunha visión "propietaria" do BNG.

En que momento está a rifa?
Vénselle de enviar unha carta, apoiada por medio cento de militantes, a Anxo Quintana, voceiro nacional do BNG. Penso que a dirección nacional do BNG debe tomar cartas no asunto. E se da dirección chega unha mensaxe clara, estou seguro de que este despropósito se vai parar. De momento a única resposta é o silencio, pero confío en que se faga algo, porque esta imaxe de intolerancia que está transmitindo o BNG non é boa para o nacionalismo.

En todo caso, o conflito de Oriente Próximo é exemplo de encendidas posicións. Nos últimos tempos deuse o paradoxo de que pacifistas israelís de visita por aquí apandasen con apupos dirixidos ao goberno israelí...
Nós non tivemos tempo aínda de facer moitas actividades, pero a verdade é que nin tempo nos deron de cometer algún erro. As dúas cousas que fixemos de momento foron unha exposición sobre o Holocausto e a organización dunha conferencia de Abraham Yehoshua, un recoñecido representante da esquerda literaria israelí. O acontecido con xente como Shlomo Ben Ami, un pacifista ao que reciben con reproches que non merece, é froito dunha visión simplista da esquerda A min non me gusta definirme como pro-israelí. A esquerda debe ser obxectiva e analítica e procurar non confundir cousas como a propaganda e a emoción. E este conflito palestino-israelí moitas veces estase tratando de xeito impropio, e con criterios xenófobos.

En todo caso, non cre vostede que máis que estrito antisemitismo se cadra o que hai é unha certa teimudez explicada pola simpatía coa causa palestina? E máis coa tradición de incumprimento de resolucións da ONU que acumula Israel
 Claro, e eu a través da Fundación Enclave teño colaborado e organizado moitas actividades a prol do Estado palestino. Non hai ningunha incompatibilidade nese aspecto. Pero algúns fanme pensar que están máis con Hamás que con Al Fatah. Porque non esquezamos que unha diferencia fundamental na correlación de forzas palestinas agora mesmo é que Al Fatah recoñece o Estado de Israel, pero non así Hamás. E a día de hoxe Hamás está atascando as vías para a solución.

E na súa opinión, cal é a solución?
Dúas nacións, dous estados. Canto antes todas as partes asuman que ese é o mellor camiño para a paz, antes avanzarán. En Israel, o 80% do arco parlamentario está formando por partidos que asumen que o futuro pasa por aí. E fora do Parlamento hai un importante movemento pacifista que presiona para que o executivo dea pasos. E no lado palestino ás veces bótanse en falta movementos similares, que busquen o encontro.

Con todo, no interior de Israel xente dalgúns colectivos sociais quéixase das dificultades para defender en certos temas, caso do conflito con Palestina, opinións diferentes ao pensamento oficial do goberno de quenda, sexa cal sexa.
No caso da nosa asociación é importante subliñar que non somos un club de fans do goberno israelí. Nós non damos cheques en branco. Por outra parte, o que comentabas é exemplo dunha sociedade con moito enfrontamento interno, cos seus defectos e virtudes. A prensa israelí é a miúdo feroz co goberno de quenda. Ademais, ás veces minimízase o impacto que os atentados suicidas no país. Pensemos que só no treito 2000-2003 estes ataques causaron case tantos mortos como os que a ETA causou no Estado español ao longo de toda a súa historia. Que pasaría aquí se a sociedade estivese sometida cada semana á presión de por exemplo, un atentado coma o de Hipercor? Habería que ver se mantería a vitalidade democrática aínda nesas circunstancias. Cousas coma o valado de seguridade hai que entendelas desde ese punto de vista, un recurso excepcional fronte á situación, e ogallá que o terrorismo remate, a paz chegue e o boten abaixo.

Linlle unha vez ao escritor Miguel Anxo Murado que se cadra o conflito tería unha solución demográfica: cando a comunidade árabe-israelí medre e as súas opcións políticas gañen cota, axudarán ao consenso. Vostede que pensa desa convivencia?
En ningún estado árabe os árabes gozan das liberdades das que dispoñen en Israel. Agora mesmo por exemplo, cando a presidenta en funcións, Dalia Itzik, saia do país, o segundo no escalafón e xefe de Estado até a volta dela é un árabe, Maialli Whbee. En Israel as linguas oficiais son hebreo, inglés e árabe. Son exemplos de normalidade nun país onde o 17% da poboación é árabe.


Ligazóns

4,56/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: