Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Enfastiado serpe de verán

13:50 03/09/2008

Para os afeccionados ao ciclismo os meses de maio a setembro son sinónimo de serpe de mil cores. En vivo e en directo, o paso do pelotón é algo fugaz, intenso, fermoso, esvelto. A sociedade galega, interesada ou non na cousa pública, tivo que soportar o tedioso, aburrido e soporífero serpe monocromo do adianto electoral. Oxalá o ímpeto do noso club ciclista Xacobeo Galicia satisfaga no eido deportivo o noso devezo emprendedor.

Cunha perspectiva nidiamente española, centrada exclusivamente nos intereses da rúa Ferraz, cal virrei in pectore, Xosé Blanco lanzou a mensaxe do adianto electoral galego no congreso do PSdeG. Touriño sae de dita cita aparentemente un pouco reforzado, mais nese mesmo conclave xa lle propoñen o primeiro pulso: “debes adiantar”. Ninguén pode negar, agás os nenos cos fociños aínda untados de mel, que foi o PSOE-Ferraz quen fomentou este debate xerando incerteza na sociedade galega. Como perfecta correa de transmisión, os do aparato do PSdeG, con Ricardo Varela á fronte, seguen o ditado madrileño e xuran e perxuran as bondades do adianto electoral para Galiza e o momento crucial que lle toca vivir na que timidamente comezan a chamar “crise”.

Ante esta situación, Touriño déixase querer. Non di que non nin tampouco que si. Non se enfronta abertamente con Ferraz, pero tampouco se deixa convencer. Todo o país (non sen certo interese dos mass media causado pola seca informativa do verán entre outras cousas) está pendente. Ata o PSdeG amosa abertamente comportamentos claramente preelectorais, mesmo cara ao compañeiro de coalición. Que dicir do PPdeG? Case fai un reparto das consellarías presumindo dunha vitoria, para eles dis que segura por mor da incapacidade de Touriño de esgotar a lexislatura, síntoma claro da debilidade do actual goberno e da necesidade do cambio. O único que mantén a compostura minimamente nesta situación é o BNG: sen esquecer os seus intereses partidarios no contexto dun escenario preelectoral, é quen de adoptar unha actitude institucional responsábel ofrecendo propostas para facer fronte á crise defendendo sectores estratéxicos para o país.

Os medios tamén tiveron o seu protagonismo neste serpe de verán. Non quedará máis remedio que chamarlle filtracións, pero aquí asistimos a un transvasamento descarado de información (ou máis ben pseudoinformación) para intentar xerar opinión –publicada- coa que procurar convencer (?) ao señor Touriño. Chama a atención a confluencia de intereses tan diversos como LVG e EP, vg., á hora de abordar o tema. Acaso senten algún tipo de preocupación especial? Mediática? Empresarial? Resultou paifoco o descaro con que se insinuou que, co adianto electoral, poderíanse paralizar certas actuacións estrela do goberno da Xunta (en consellarías xestionadas polo BNG) e despois “reconducilas” no novo goberno (outra vez bipartito, aínda que segundo algúns con moito maior peso socialista).

Aburridos ata a extenuación, o xoves de paixón resolveuse o galimatías, xerado intencionadamente, non o esquezamos, polos socialistas. Non haberá adianto electoral. Como se non fora con el, o señor Touriño pronunciase sobre unha cuestión que puido ter atallado desde un principio evitando tanta especulación estival. No canto de aplicarse seriamente para ofrecer propostas construtivas fronte á crise, andou a velas vir, mirando a ver se outros se poñían nerviosos, metían o zoco e se desgastaban, para el, ao remate, aparecer como o salvador. Si: quedou claro que decidiu el. Pero non era preciso deixar deteriorar tanto a situación. Por certo: dis que Xosé Blanco está aprendendo a grabuñar as gadañas e anda á procura dunha boa moa.

4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...