Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Espellismo comenenciudo

10:34 18/01/2010

Segundo o recollido pola Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas cómpre fomentar o uso e difusión (no noso caso) do galego en todos os ámbitos da vida. Unha lingua minorizada, en situación de difícil supervivencia social pola forte presión do idioma dominante, require de apoios decididos, mesmo de discriminación positiva.

Unha das grandes mentiras que artellou a campaña electoral do PP do 1M foi a da imposición lingüística do bipartito. Inventando un liberalismo lingüístico, centrado na figura dos pais, agora posuidores do dereito a decidiren libremente a lingua de uso dos seus fillos e fillas na escola, rexeitan calquera regulación da que non gusten (moi probabelmente por dar chance ao desfavorecido). Tal e como ocorre no ámbito económico (despedimento libre), no social (que cada quen demostre o que vale por si mesmo, sen axuda de ningún tipo), no sanitario (a sanidade pública é un caos, quero poder escoller o meu médico), no educativo (non á educación “estatalista”, si á educación no ensino privado libre de ideoloxía) tamén agora no lingüístico dan o paso. E co mesmo esquema: fronte ao público (sempre sospeitoso de algo), reivindícase o privado (merecedor de por si de todos os parabéns). Concibindo aos cidadáns ao estilo das mónadas leibnizianas (iso si: sen ventás), deposítase en cada un deles o poder de decisión sobre… sobre todo o que lles convén.

Porque cando hai que reflotar á banca, veña millóns e  millóns de euros; cando se hai que facer cargo dunha operación moi complexa, mellor vaia vostede á Seguridade Social; se hai que crear infraestruturas en zonas afastadas, que se encargue o Estado… e así sempre. Como diciamos, o público é visto como sospeitoso, pois “impónsenos”. De antemán sospéitase de toda regulación, sobre todo cando beneficia a outro sector social, económico, etc. Se unha muller chega a ministra será porque é muller, non pola súa valía. Tamén os afroamericanos pasaron por esa situación cando foron acadando cotas de poder nos EE.UU.

En realidade, a regulación, ben feita, pode axudar a protexer, potenciar e dinamizar a un sector tradicionalmente discriminado e en clara situación de desvantaxe e retroceso. É por iso que se reivindica este discurso neoliberal e individualista. Porque, como no caso do galego, xera condicións obxectivas nas que mellora considerabelmente a situación do discriminado. Así ocorría co Decreto do 2007.

Mais este aparente uso das liberdades individuais non deixa de ser un espellismo comenenciudo. É tan descaradamente prexudicial para o galego o novo decreto que, naquelas materias que se cursen nunha das dúas linguas cooficiais, o alumno-pai-nai ten a potestade de usar a lingua que el queira (na aula, nos exames, etc.). Agora ben: vaise poder facer o mesmo con aquelas materias que se dean en inglés? Porque, se así é, se un vai poder falar igual na súa lingua habitual, aínda que a materia se imparta en inglés, que sentido ten toda esta historia acerca da obrigatoriedade de demostrar coñecementos en inglés nas oposicións, etc?

Cun pouco de sentidiño calquera podería obxectar que o lóxico sería que non puidera facelo, pois do que se trata é de aprender e mellorar o inglés no noso alumnado. Cando unha colectividade decide fomentar o coñecemento de linguas estranxeiras todos debemos asumir o reto. Non é algo que se poida escoller. Como as matemáticas, a xeografía, a física ou a filosofía, o inglés é unha materia crucial que todos debemos aprender no contexto dunha sociedade globalizada. Ben: e non se pronuncia en termos similares o noso Estatuto (mesmo a Constitución) con respecto ao galego? E tamén a LNL e o PXNL? Por puro interese político e partidario, o PP rompeu o consenso en torno ao galego xerado na súa propia etapa de goberno. Que lles explique agora ás familias se van poder, ou non, escoller tamén a lingua vehicular nas materias que se impartan en inglés, ou se pola contra llelo van “impoñer”.

5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...