Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Todavía non digo aínda (e 2)

12:59 18/05/2010

Dos anos 70 cara a adiante, cada vez de xeito máis intenso, o proceso de castelanización da nosa sociedade, nomeadamente da nosa mocidade, emprendeu unha senda imparábel. Os datos están aí. Son esmagadores. Con todo, hai unha novidade. Máis que nunca, a xente está capacitada para poder falar, ler e escribir en galego como non o estivera ata o de agora.

Nesa constante sangría cara ao castelán danse, porén, algunhas situacións ben paradoxais. Cando a profesión implica o uso do galego hai persoas que, sendo castelanfalantes, cambian ao galego. Hainas que mesmo o asumen como a súa lingua de uso na profesión e en boa parte de actos sociais. Outra cousa é o ámbito familiar onde, se este fora orixinariamente castelanfalante, dito hábito resultaba máis difícil mudalo.
Entre os funcionarios da administración, ou no mundo da docencia, da medicina, ou do xornalismo, podemos atopar casos de cambio cara ao galego. Houbo quen téndoo asumido como lingua vehicular no ensino, posteriormente atopouse en situacións nas que debendo usar o castelán a nivel profesional (traslado, intercambios, etc.), decatábase do interiorizado que tiña o uso do galego. Nada que non poida remediar un pequeno esforzo inicial e o costume do día a día. No caso dos profesionais da medicina que foron exercer a Portugal houbo quen acabaron mudando a súa percepción do galego. Notaron a vantaxe que tiñan para aprender o portugués con respecto a outros compañeiros e compañeiras descoñecedores do galego. Mágoa ter que abandonar o país para valorar o propio. Pero nunca é tarde se a dita é boa.

 Neste contexto de neofalantes cómpre chamarmos a atención sobre un feito. Tal e como antes ibamos dibujar ghaviotas á playa, agora se dibuxan gaivotas en a praia. Non se trata de adoptarmos unha actitude purista converténdonos en correctores implacábeis. Cando comezamos co inglés (e xa sei que a comparación non é do todo válida) o que máis e o que menos guós dráuin sígals in de bich. Probabelmente se desde un primeiro momento non nos deixaran respirar acabariamos abandonando. Iso si: se quixeramos traballar nun medio de comunicación, ou facer teatro, por un dicir, de seguro que non nos había de valer a escusa do fanatismo purista do asesor lingüístico, nin tampouco aquilo de que sempre falamos inglés así e ben que nos fixemos entender.

Sigo a ter en mente a aquelas persoas que ao longo dos anos oitenta e noventa foron rexeitadas por ter acento galego cando se puxeron en marcha e se foron desenvolvendo os medios de comunicación galegos. E logo que fonética ían usar? Outra cuestión é que coa progresiva urbanización da nosa sociedade, e coa máis que desexábel incorporación ao galego de ámbitos urbanos e de profesións liberais alleos ao uso da nosa lingua, se poidan ir configurando outros rexistros dialectais diferentes aos habidos ata o de agora. Pero que sigamos a padecer algunhas intervencións nos nosos medios de comunicación por parte de algúns xornalistas dos que se supón a súa profesionalidade, é inadmisíbel.

(PD) Todos, falantes de vello e neofalantes, temos sempre algo que aprender. Sen obsesionarnos, con frescura. Pero sempre haberá unha palabra nova que levar ao noso vocabulario, ou algún refrán que coñecer, ou algún xiro sintáctico que mellorar. Dicía Xurxo Souto que Carlos O Xestal lía o dicionario e tamén ía ás mallas e outros traballos comunitarios para descubrir novas verbas. Fagamos o mesmo. Abramos as nosas mentes a todo canto poida mellorar o noso uso cotián do galego. Pero fagámolo sen estridencias, coa humildade de quen mostra que está máis disposto a aprender e a compartir que a ensinar aos demais.

4,25/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...