Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Crónica do Premio Vidal Bolaño en Lubián

15:00 29/06/2008

‘Irmán, irmao, irmou Felipe’ recitaba o bardo de Manselle na honra de Felipe Lubián Lubián, alcalde de Lubián (non é erro a reiteración), o concello administrativamente zamorano pero culturalmente galego, tanto que a nosa lingua é cooficial e malia non selo, seríao porque as linguas non ‘caben dentro dos lindeiros políticos’ que dixo o irmán, irmao, irmou Daniel.

A xornada organizada polas Redes Escarlata, a rede cultural que foxe do encorsetamento e academicismo intelectual, comezaba coa proxección de A Mariñeira, dirixida por Antón Dobao. Deseguido, volteando as cadeiras, presentábase o último número d´A Trabe de Ouro coa participación de Quique Costas, Dionisio Pereira e X.L. Méndez Ferrín. Achegáronnos a dureza e crueldade da represión fascista contra os carrilanos que traballaban no ferrocarril e o ser propio da revista A Trabe, a forza política e cultural dunhas follas que chegaron a consolidarse no albo do pensamento crítico non só nacional nin estatal, senón europeo. Os membros da Trabe agasallaron ao concello cunha colección da revista.

Tralo xantar en Hermisende, outro concello zamorano radicalmente galego, procedeuse á entrega do premio a Felipe Lubián, o repoludo combatente galaico, quen levou a nosa fala até as propias cortes de Castela León, malia ser ‘censurado’, na súa época de deputado. Non houbo barreira que non tirase, non houbo prexuízo que lle impedise avanzar na normalización do galego no concello, na súa vila natal. Arestora estanse dando clases de galego e hai intención de introducilo na escola municipal, alén doutras iniciativas: contacontos, charlas… Felipe Lubián é dunha raza diferente, un deses da estirpe precursora, un militante lingüístico inquebrantábel.

Finalizaba esta xeira cun partido aos bolos enxebres en Lubián, onde os locais deron boa mostras da súa maña e bo xeito. Rematou, co galego a ecoar entre as paredes das casas tradicionais de corte abaixo e alcoba arriba, aló en Zamora, onde a cultura é mostra de resistencia.

Pola contra, estarmos en Lubián e coñecermos a figura do ‘irmán, irmao, irmou Felipe’ é cousa diferente. Nestes tempos de desvaríos de catro gatos criptofascistas, un mira en Felipe que a nosa militancia lingüística non pode esmorecer nin retroceder nin tan sequera acougar. Se en Lubián a forza da cultura sobrepasou a forza da irracionalidade, en Galiza debemos chantarnos insubornábeis co idioma. Non podemos asumir que como os catro gatos criptofascistas protestan por unha lei de normalización, o traballo recae unicamente en defender tal lei, senón que cómpre defendela e seguir afondado nela, aumentando os dereitos que nos pertencen aos galegofalantes, avanzando na normalización lingüística, sen concesións, porque o galego é a lingua propia de Galiza, é a lingua nosa, a que nos permite enxergar a materia ao noso xeito, non na tradución espuria e bastarda, a que nos impide sermos NÓS.

O bardo de Manselle ben o dixo: que nos dera un Felipe Lubián en Compostela. Madia leva! Mais non sexamos paifocos e superemos o panexírico para enchouparnos dos valores irradiados por Felipe Lubián: asumir a cultura como medio de vida, asumir a lingua no cotiá. De nada serven os ‘rexionalistas’ que defenden o noso idioma en castelán, que vaian para alá! O idioma respéctase falándoo, na mellor tradición irmandiña encetada nos Villar Ponte. É o único xeito de nos facer valer.

‘Irmán, irmao, irmou, Felipe’, contigo avanzamos un cachiño tomando nota das túas ensinanzas culturais. Avanzamos a prol do idioma galego, nas Portelas (Zamora) e en Galiza. Os outros catro retortos, pitas serán pero ulir, ulen a can.

4,6/5 (40 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...