Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Reflexións en voz alta

19:52 13/03/2007

Foi un 10 de Marzal, día da Clase Obreira Galega (en memoria de Amador e Daniel, mortos en Ferrol no 72), cando o máis reseso españolismo saíu á rúa. Unha masa agochada trala “roja y gualda” ao son de consignas como “Zapatero vete con tu abuelo”, crearon un clima de exaltación nacional amosando esa nostalxia polos tempos do “réxime pre-constitucional”. E din eles: “no somos fachas, somos demócratas españoles”. Curioso, moi curioso.

Tras este paseo polo centro de Madrid dos “demócratas españoles”, tirei unhas cantas conclusións:

1- Por que se fala de símbolos e berros “pre-constitucionais” se de toda a vida a iso se lle chamou “fascismo” ou “franquismo” (sinónimo de)? Por que cando se fala da lei que xulgou a De Juana se di “franquista” e cando se refiren ás aguias prefiren o eufemismo de “pre-constitucional”?

2- A presenza de tanta bandeiriña “roja y gualda” é unha mostra da vitoria dos nacionalismos sen estado: de Euskal Herria, Catalunya e nosa, de Galiza. Pois en que outro estado independente do mundo unha manifestación contra unha decisión do Goberno precisa de bandeiras e un peche co himno nacional (sic) que algúns cantaruxaron cunha letra improvisada do “Cara al sol”? Necesítanse reafirmar, procurar a súa nación que non vén, crerse que son españois porque xa o dubidan eles mesmos, xa non se tragan nin o seu propio embuste.

3- De berros como “Zapatero vete con tu abuelo” (o avó foi un republicano fusilado na Guerra) un chega a unha síntese: non é iso apoloxía da violencia? Se alguén berra “Rajoy vete con Miguel Ángel” viría a ser o mesmo? Sería castigado? É posíbel este símil saltando o espazo e o tempo?

4- “Defender la nación española” foi unha das arengas lanzadas por Rajoy. Logo, un Viva España! (outro eufemismo do Arriba España!) para pechar o acto tralo son do himno nos que se cadraron os presentes. Contra a “humillación e indignidad de España” da que fala Rajoy proponse recuperar “la libertad que nos han robado”. A min todo isto sóame ao discurso centralista do franquismo doutrora e de chiste. Só lles faltou facer mención á “conspiración judeo-masónica” pois xa teñen separatistas e “rojos”. E que broma é esa de “recuperar la libertad”? Liberdade de quen?

5- Por que se centralizou todo o debate do Estado español no tema de ETA? Acaso xa non importan os casos de corrupción urbanística, os inmigrantes, a vivenda ou o paro? Como se atreven a dicir que “Batasuna recibe mejor trato que quienes respectamos las leyes” cando hai dirixentes abertzales que pagan multas elevadas por inxurias á coroa cando pola contra hai dos que rouban 100 millóns de euros e teñen unha fianza de tres pesos?

6- Non sei se agora o Goberno do PSOE andará máis preocupado á hora de lexislar pola reacción do PP que pola propia lei. É dicir, farán política condicionados polo PP ou polos intereses dos cidadáns? Por exemplo, por que non se abre un debate sobre o achegamento de presos e presas a Euskal Herria?

7- Até cando vai ter Madrid e España a forza para centralizar os debates políticos en Galiza? Interesa este tema ao noso pobo? Nacerá a mesma tensión na nosa Terra? Eu vexo que agora n´A Coruña e en Vigo os días 11 de cada mes os AVT e Foro de Ermua fan concentracións de exaltación nacional (paradas fascio-patrióticas). Xorden de novo os “defensores por la libertad del idioma” no noso territorio. Cómpre Galiza estar metida nestes fregados? E ollo, lembrade aquela cavilación do Castelao no exilio sobre a Guerra Civil e o Estatuto Galego, lembrádea.

Son sete ideas a respecto da exaltación españolista de Madrid e todas elas moi discutíbeis. Cómpre chegarmos (nós como nación) a unha conclusión que favoreza a este país, coa volta á unidade e a firmeza nos plantexamentos para a emancipación social e nacional deste pobo. Existen contactos entre organizacións independentistas e nacionalistas na procura dunha nova fronte nacional de esquerdas que consolide un espazo (o autodeterminista) no nacionalismo galego de xeito definitivo. Agardamos a nova da súa conformación. Aos españoleiros só lles queda buscar a súa identidade que xa lles advirto non atoparán porque España nunca foi e xamais será unha nación.

4,05/5 (40 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...