Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Luís Pimentel: o galego e un bilingüe.

12:19 23/02/2008

No seu 50º aniversario.

De sutaque, sorprendín a poesía de Luís Pimentel, silenciada na man do fino esquecemento. Un libro póstumo, Sombra do aire na herba, penetrou en min como brétema da mañá dos cavorcos de Lemos. Tempo despois lembrei o consello de Dámaso Alonso. Non se esfarelou como rosas cinza a fondura dun poeta que diagnosticou unha vangarda en follas da consulta que escribía con tinta vermella, vermella. Meu médico de garda, meu compositor da inocencia infantil.

Pimentel é un home sinxelo. Por riba das murallas de Lugo camiña, con pucho negro, ao carón de Fole e Celestino F. de la Vega. Hai tempo que non está con R. Piñeiro quen de mozo ía visitalo á súa casa e falaban de Francis Jammes, da lírica, da cultura e da ORGA e o Partido Galeguista. Pimentel non era alleo ao seu tempo.

No depósito de cadáveres houbo moitos pícaros. Pimentel gardaba un anaquiño, unha faragulla do silencio entre as súas mans pois el cría na vida, cría na poesía como vida, coma reino sen bandeiras.

Arde, fume en Compostela e o editor cun tiro deitado nunha gabia de Cacheiras, onde os provincialistas quixeron afirmarnos. Pimentel sufría, agochábase na casa, coa porta pechada, só e o son rebotado dos disparos no camposanto preto da rúa Bispo Aguirre. Sentía a morte, sentíaa. A morte. Tebras ao axexo, volveron as negras campás, as campás de ferro na noite!

As campás volven repenicar. Medraron os que pinchaban os ollos dos paxaros e gozaban miralos bater contra os valados, naquel bruído murcho. Medraron e pensan que teñen dereitos cando eles mallaron nos paxaros, por seren nenos. Onde estaban os pais? Seino.

Repenican ao son de petardos, de tamborís no lombo dun rapaz, nos redobres das carreiras. Repenican pois non nos entenden, non. E mófanse por tal, fanfurriñeiros enfundados na desconexión do intelecto que implica a negación de nós, NÓS.

Non te xulgo Pimentel por escribires en castelán. Non, nunca. Sei que tiñas vontade de traducir ao galego e axudábanche pois temías ao teu descoñecemento do idioma. Xa o contaron. Non, non tes porque te sentir mal. Ti defendes o galego, ti es bilingüe e estás connosco, no galego.

O teu verso dálle eternidade ás cousas e sabíao nas escaleiras da Casa das Artes cando albiscaba un enterro que durante tanto tempo te atormentou. Eran os mesmos que te negan, que nos negan. Mais non convén chorar máis pois ela chorou por todos e para sempre. Calemos. Ela chama coa súa boca torta a mortos e náufragos dende a solaina, entre a brétema. Nós berramos para aumentar a intensidade da chamada.

4,21/5 (38 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...