Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

A dura lección hondureña para a democracia latinoamericana

09:30 01/07/2009

A destitución vía golpe militar do presidente Manuel Zelaya en Honduras supón un exemplo negativo para as democracias latinoamericanas. Tras varios días de tensión política provocados pola postulación dunha consulta popular para a reelección presidencial, o inxustificable golpe militar en Tegucigalpa deixa absolutamente en ascuas ao país centroamericano e á consolidación democrática rexional.

A designación de Roberto Michelletti por parte do Congreso, o Tribunal Supremo e as Forzas Armadas como o substituto de Zelaya, enfrontase a un escenario amplamente desfavorable, determinado polo illamento internacional, que só recoñece a autoridade de Zelaya. Ao mesmo tempo, o golpe militar contribuíu a afondar unha polarización interna sen claros síntomas de solucionarse.

    A lección hondureña deixa diversas sinais a considerar. O inmediato descoñecemento do golpe, por parte dos países latinoamericanos, EEUU e os organismos hemisféricos, deixa entrever a consolidación dos mecanismos de consenso político no marco dos principais mecanismos hemisféricos, sendo estes a OEA, o ALBA e o Sistema de Integración Centroamericana (SISCA), así como UNASUR e o Grupo de Río, para defender a lexitimidade dun presidente elixido democraticamente, como é o caso de Zelaya, e rexeitar as intervencións militares na vida política latinoamericana.

    Dende Managua, onde participou nun cumio urxente do ALBA, da OEA e da SISCA, Zelaya asegurou que volvería a Honduras o próximo xoves 2 de xullo, a fin de solucionar o conflito político, acompañado do secretario xeral da OEA, José Miguel Insulza. Alén do retorno de Zelaya, no centro do escenario está o pulso de poder interno en Honduras, que involucra a toda serie de sectores sociais, económicos e institucionais, a maioría confabulados no golpe ao mesmo tempo que reprimían as manifestacións a favor do presidente destituído. O anuncio de Michelleti de dar curso a un “toque de queda” ía claramente orientado a esgotar calquera manifestación popular contraria ao golpe.

    O golpe e a crise política hondureña influirán decisivamente nas próximas eleccións presidenciais pautadas para finais de novembro de 2009. Tras afogarse a consulta popular e evidenciarse o fronte rexeite da casta militar, Zelaya tentará amosar nos próximos meses un cauteloso perfil secundario que permita propiciar unha transición pacífica e democrática de poder, incluso con posibilidades de obter importantes réditos e ganancias políticas a futuro.

Neste sentido, o apoio da comunidade internacional e, especificamente, da OEA e do ALBA, así como dos sectores populares que saíron a protestar polo golpe, reforzan a posición política de Zelaya. O eido xeopolítico xoga tamén un factor esencial:  membresía hondureña do ALBA permitiu unha rápida e contundente acción deste organismo para condenar o golpe e premer con forza sobre a restitución de Zelaya.

En caso de ser restituído como única saída a unha crise política de consecuencias incertas, moi probablemente Zelaya verase persuadido a sepultar a súa consulta popular para a reelección e tentar buscar canais de aproximación aos sectores opositores que propiciaron o golpe, a fin de atopar un equilibrio que garante un nivel mínimo de estabilidade.

Pero no centro da atención quedará a actuación dunhas Forzas Armadas que interpretaron os acontecementos baixo parámetros desfasados aos tempos que corren en América Latina. O golpismo militar é unha posibilidade que as sociedades latinoamericanas tentan deixar atrás como un pantasma proveniente dun escuro pasado.

É por iso que, dende unha perspectiva optimista, no caso de que o golpe finalmente fracase e a comunidade internacional logre a restitución de Zelaya ou ben unha transición pacífica, a lección hondureña necesariamente equilibrará as delicadas relacións que deben existir entre o estamento civil e a clase militar, para consolidar unha democracia viable en América Latina.

3/5 (4 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...