Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Quirguicistán: unha revolución inconclusa

09:00 09/04/2010

Os violentos disturbios rexistrados en Quirguicistán, con decenas de mortos, a fuxida do ata agora presidente Kurmanbek Bakíyev e un cambio provisional de goberno pasando a mans da ex chanceler Roza Otunbayeva, evidencian a precaria estabilidade existente no espazo ex soviético centroasiático, “vítima” dunha posición estratéxica que involucra os intereses de actores como EEUU, Rusia e China.

Os acontecementos rememoran a denominada “revolución dos tulipáns” acaecida en Quirguicistán en marzo de 2005, en plena éxida das “revolucións de cores” que sacudiron o espazo ex soviético dende Ucraína e Xeorxia ata Asia Central. O entón presidente Askar Akáev foi defenestrado nunha revolta popular que permitiu o acceso ao poder do actualmente derrocado presidente Bakíyev, así como da actual presidenta transitoria Otunbayeva.

Os intereses de EEUU, Rusia e China

Máis cas turbulencias internas e o pulso de poder en Bischek, o actual escenario quirguicio pode ser igualmente explicado en virtude da presión dos intereses estratéxicos de Washington, Moscova ou Beijing.

O radio de acción estadounidense en Quirguicistán céntrase na súa base militar de Manas, ao norte do país, de importancia estratéxica vital para os intereses de Washington en Afganistán e Asia Central. Pola súa banda, Moscova mantén unha base militar na localidade de Kant, clave dentro das súas prioridades estratéxicas no espazo centroasiático.

Bakíyev tentou manter unha relación de proveitoso equilibrio con Washington e Moscova, aínda que as mesmas non estiveron exentas de asperezas. A comezos de 2009, Bakíyev ameazou co peche da estratéxica base militar estadounidense de Manas, de oneroso gasto para as arcas quirguicias, estimadas nun 7% do seu PIB.

No marco da estratexia do presidente estadounidense Barack Obama de incrementar a loita antiterrorista en Afganistán, o peche da base de Manas suporía un revés fundamental para os seus intereses en Asia Central. Así, nese fluído marco no que EEUU e Rusia tentan reacomodar as súas prioridades estratéxicas, tanto a OTAN como Obama persuadiron a Moscova a fin de premer a Bakíyev para que finalmente reconsiderara a súa decisión, aparentemente irrevogable.

Moscova negou estes contactos, ao tempo que movía os seus peóns en Bischek. En febreiro de 2009 o presidente ruso Dmtri Medveded reuniuse no Kremlin con Bakíyev para garantir un crédito de máis de 1.500 millóns de euros. Tras esta reunión, o presidente quirguicio reafirmou a súa decisión de pechar a base estadounidense, un aspecto no que hipoteticamente contaría co aval ruso.

Velaí que diversos factores obrigan a especular sobre a posible implicación de Washington e Moscova nos actuais acontecementos. Reunidos en Praga para a firma do acordo START de redución do arsenal nuclear, Medveded e Obama anunciaron a súa preocupación polos feitos, incrementando a confusión existente ao especular coa posibilidade de que Bakíyev non abandonara o poder. Non obstante, con case toda probabilidade, Washington e Moscova tentarán atraer a atención do goberno transitorio de Otunbayeva, a fin de garantir a presenza das súas bases militares no país.

Pola súa banda, China afronta una cautelosa política cara esta crise, tomando en conta a súa crecente presenza económica nese país e a proximidade xeográfica, especialmente ante a existencia de grupos étnicos musulmáns uigures, preponderantes na veciña rexión autónoma de Xinjiang, e proclives ás turbulencias e rebelións contra o poder central en Beijing.

A inestabilidade interna

No plano interno, Bakíyev viña aplicando unha masiva privatización do sector enerxético que incrementou as protestas sociais e a súa impopularidade, en especial entre os partidos opositores, incluíndo a varios dos partidarios que o levaron ao poder en 2005.

En xullo de 2009, as eleccións presidenciais que renovaron o mandato de Bakíyev foron inmediatamente denunciadas pola oposición como fraudulentas, iniciando un período político marcado pola confusión e a ruptura do diálogo entre goberno e oposición, agrupada arredor do heteroxéneo Movemento Popular Unido (MPU).

Para 2010 estaban previstas unhas eleccións lexislativas que dirimirían a crise política, marcada polo pulso entre diversos sectores por asegurarse os seus respectivos niveis de lexitimidade. Pero o recente aumento impositivo en materia enerxética e municipal, o seu velado autoritarismo e a corrupción existente, incrementaron os niveis de descontento popular contra Bakíyev, facilitando así a organización desta mobilización para premer a súa caída.

No contexto local existen outros actores políticos de importancia identificados arredor dos movementos cívicos internos, que loitan por unha maior democratización; e a mobilización dos grupos islamitas de Asia Central, tales como o Hezb u Tharir, con base en Uzbequistán e Tadxiquistán, e que tentan influír no escenario quirguicio.

Paralelamente, o mosaico étnico ocupa tamén un lugar preponderante á hora de definir as estruturas de poder, especialmente entre as comunidades quirguicia, uzbeca e uigur, de orixe túrquico-mongola e que monopolizan o poder administrativo, e a minoría rusa que mantén o soporte do sector industrial e comercial do país.

3,25/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...