Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Sen OEA e sen USA

11:34 24/02/2010

Estamos ante o traspaso da Organización de Estados Americanos (OEA) á Comunidade de Estados de América Latina e o Caribe (CEALC)? O cumio do Grupo de Río celebrado o pasado 22 e 23 de febreiro en Cancún (México) avanzou unha nova iniciativa de integración, proposta polo presidente venezolano Hugo Chávez, de crear para 2011 unha “OEA sen EEUU e Canadá”.

Así, e baixo o nome de Cumio da Unidade de América Latina e o Caribe, este encontro que tería a Haití como principal foco de atención e coa ausencia significativa de Honduras, terminou considerando a posibilidade real de disolución da OEA, creada en 1948, para alentar un novo marco de integración “plenamente latinoamericano e caribeño”, desprovisto da participación directa de Washington e Ottawa.

Pero este proceso albíscase prolongado no tempo, por mor da necesidade de elaborar os estatutos e marcos de actuación da futura CEALC, así como non menos tenso, moi probablemente motivado polas conxunturas políticas e a dinámica das relacións entre EEUU e os países latinoamericanos.

Diplomacia con tensións

En todo caso, o cumio de Cancún serviu para propiciar importantes achegamentos diplomáticos. O primeiro, establecido entre Ecuador e Colombia, supón o remate temporal da crise diplomática suscitada a partir de 2008, trala ofensiva militar colombiana en territorio ecuatoriano, que acabou coa vida do ex líder das FARC, Raúl Reyes. Así, os mandatarios Rafael Correa e Álvaro Uribe Vélez concretaron nun foro hemisférico o seu primeiro achegamento formal para rematar esta crise.

Noutra perspectiva, a presenza en Cancún do mandatario cubano Raúl Castro realzou a potencialidade diplomática deste cumio á hora de coordinar unha política de consenso destinada a reinserir a Cuba no marco de integración hemisférico. Expulsada da OEA en 1962, a conxuntura actual permite unha reinserción da Habana nos novos marcos de integración hemisféricos.

Por contra, se ben o achegamento entre Quito e Bogotá certificaría un soado éxito, as tensións espalláronse trala confrontación verbal entre o mandatario colombiano Uribe e Chávez. O nivel de confrontación entre Caracas e Bogotá é tan latente que o presidente colombiano non participou no cumio paralelo dos países de UNASUR.

Esperando coñecer se mandatario colombiano finalmente será habilitado para concorrer a un terceiro mandato presidencial, Chávez condenou as futuras bases militares estadounidenses en territorio colombiano e denunciou publicamente os supostos plans de asasinato na súa contra concibidos dende Colombia, á vista da presunta presenza duns 300 paramilitares colombianos en territorio venezolano.

    Coa crise colombo-venezolana de fondo, que urxiu a consideración dun grupo de mediación continental liderado por República Dominicana, outro aspecto relevante deste cumio foi a ampliación do apoio latinoamericano á soberanía arxentina das illas Malvinas.

Rememorando a historia, a guerra das Malvinas de 1982 foi considerada como o gran fracaso da OEA como organismo para a resolución de conflitos. Polo tanto, non foi casual que este tema ocupara un lugar de atención en Cancún, precisamente nun encontro onde se discutía a hipotética disolución da OEA.

Neste sentido, e ante as iniciativas británicas de acelerar a explotación petroleira nestas illas, cunhas estimacións de 200.000 millóns de barrís de cru, o apoio hemisférico á presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner colocouna nun rol protagónico inmediatamente secundada pola demanda de Chávez contra Londres de “devolver as Malvinas a Arxentina”. 

Finalmente, cómpre considerar a ausencia hondureña e as tensións hemisféricas acaecidas tralo golpe de xullo de 2009, outro escenario que ilustrou o fracaso diplomático da OEA.

A conxuntura actual evidencia as dificultades rexionais para recoñecer ao novo presidente Porfirio Lobo, a pesar da anuencia de Washington. Se ben países como Guatemala e Panamá recoñeceron a lexitimidade de Lobo, outros como México, Brasil, Venezuela, Arxentina, Ecuador ou Bolivia aínda non o fixeron.

Adeus ao “patio traseiro”?

    Independentemente das tensións e dos achegamentos diplomáticos, o centro de gravidade en Cancún centrouse na orientación e nos intereses existentes nas relacións entre EEUU e os países latinoamericanos e caribeños. En perspectiva, Washington amosa desconcerto ante os cambios existentes na rexión, certificando así as erróneas complexidades emanadas do seu afastamento dos asuntos hemisféricos.

A nivel latinoamericano, existe a sensación en diversos gobernos rexionais de que aquel aura benevolente e aperturista do presidente Barack Obama está comezando a desvanecerse, o cal simbolizaría o momento para dar un paso máis firme en canto a formalizar un novo nivel de integración hemisférica. Polo tanto, a proposta dunha “OEA sen EEUU” interpreta a tendencia “plenamente latinoamericanista” esgrimida en mecanismos de integración como UNASUR e a ALBA.

Os seus efectos, non obstante, son absolutamente incertos, aínda que xa se propoñan pasos para a súa creación. A falta de discutir os estatutos da futura CEALC e a súa arquitectura legal e institucional, Chávez propuxo como secretario xeral deste organismo ao presidente Lula da Silva, quen no 2011 deixará a presidencia do seu país.

Outro aspecto importante terá que ver cos polos de decisión da CEALC e os seus complexos contrapesos dentro dun novo organismo composto por 33 países. Se ben resulta evidente a fortaleza de Brasil, o cumio de Cancún considerou as pretensións de México, tradicional aliado de Washington, como posible referente adicional.

Todo isto sen esquecer o rol de Venezuela, o máis activo impulsor das iniciativas de integración nos últimos anos, quen demandará o seu papel protagónico. Tralo cumio de Cancún, o próximo vaise celebrar en Caracas en xullo de 2011, escenario e marco ideais para que Venezuela afonde as súas perspectivas cara a CEALC.

En paralelo, Washington está renovando os seus mecanismos de actuación e intervención en América Latina, en particular a través de Colombia, Haití e América Central, combinando unha sutil diplomacia e a cooperación militar. A pesar das incertezas sobre o futuro da CEALC e da axenda de desafíos, semella factible que o cumio de Cancún marque o final dunha etapa para a OEA e as relacións entre EEUU, América Latina e o Caribe.

3,38/5 (16 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...