Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Turquía aposta por un Islam moderado

12:00 24/07/2007

Confirmando os prognósticos, o contundente triunfo electoral do partido islamita actualmente gobernante en Turquía ten tres lecturas significativas: supón unha histórica reelección para un partido islamita no mundo musulmán, con amplas repercusións na actual conxuntura internacional; consolida un partido político hexemónico dentro dun escenario ata agora caracterizado pola débil atomización; e terceiro, e quizais o máis importante, supón unha dura derrota política para a poderosa caste militar e a elite laica no seu pulso particular co primeiro ministro islamita, Recep Tayyip Erdogan.

O domingo 22 de xullo, Turquía pareceu dar unha viraxe histórica nun momento decisivo para este país considerado unha ponte entre Europa e o Islam. O contundente triunfo do islamita Partido da Xustiza e o Desenvolvemento, AKP polas súas siglas en turco, do actual primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan, significa a consolidación e a posible hexemonía dun movemento político que, na historia contemporánea turca, era considerado como a principal ameaza para a integridade secular do Estado turco. O adianto das eleccións ao 22 de xullo (en principio estaban previstas para novembro próximo) tras a crise política de maio pasado entre Erdogan e a poderosa caste militar ante a posible designación dun islamita como presidente da república turca, confirmou a hexemonía do AKP e de Erdogan no escenario político turco, en gran medida escorrentando os temores das clases laicas sobre unha posible “islamización” de Turquía.

A forza do AKP
O AKP renovou o seu mandato alcanzando un 46,6% dos votos, un 13% máis que os logrados nas eleccións do 2002, cando gañaron por segunda vez (a primeira foi en 1996 pero o seu goberno durou un ano por presión dos militares). Polo tanto, o AKP e Erdogan gobernarán agora ata 2012, completando un decenio que se presume significativo para lograr a principal aspiración turca: ser membro pleno da Unión Europea.

O novo mapa da Gran Asemblea Nacional turca estará conformada por tres grandes partidos. O principal é o AKP, que renova a súa maioría absoluta con 350 deputados, superando o limiar dos 276 que outorgaban esta maioría.

Con iso, Erdogan e o seu partido saen reforzados no complicado escenario político turco, consolidando unha necesaria hexemonía política nun país que nos últimos 20 anos viviu diversas crises políticas e débiles gobernos de partidos minoritarios, que dificultaban a concreción de gabinetes e axendas políticas viables.

Os votos ao AKP poida que non sexan completamente “votos islamitas” senón orixinarios de varios sectores de clases medias profesionais e clases populares beneficiadas polos programas sociais do AKP e que viron en Erdogan e o seu partido o líder e a plataforma coa forza necesaria para levar adiante a transformación democrática e a estabilidade a Turquía. Tras o AKP sitúase o Partido Republicano do Pobo, CHP, e o seu principal líder Deniz Baykal. Apoiados pola caste militar e as elites laicas durante a pasada crise de maio, o CHP obtivo un 20,8%, mantendo os mesmos díxitos que nas eleccións de 2002, o cal confirma a súa actual conformación sociopolítica.

Xunto á clase militar turca, o CHP, partido creado nin máis nin menos que polo fundador da República turca Mustafá Kemal Atatürk, é o gran derrotado desta cita electoral, porque a súa aposta de “acoso e derrube”contra Erdogan e o AKP fracasou rotundamente nas urnas. Quizais a nota preocupante sexa o terceiro movemento no Parlamento, o Partido de Acción Nacionalista, MHP, de Devlet Bahceli, que fai ostentación dunha vulgar retórica ultranacionalista coa que logrou un 14,2%.

Máis que o CHP, os ultranacionalistas, herdeiros do tristemente soado movemento paramilitar e terrorista dos Lobos Grises, logrou capitalizar mellor o medo á presunta “axenda de islamización” do AKP, exacerbando o sentimento nacionalista turco ante asuntos tan históricos e delicados como o xenocidio armenio e os dereitos da poboación kurda en Turquía. Precisamente, outro feito histórico relevante das eleccións lexislativas do pasado domingo foi o ingreso parlamentario do Partido da Sociedade Democrática, DTP, que representa á poboación kurda.

Con 23 parlamentarios independentes, o DTP buscará ofrecer maiores perspectivas de liberdade para os kurdos en Turquía, nun momento decisivo polas presións do xeneralato turco para invadir o Kurdistán iraquí, explotando así un conflito durmido en Oriente Medio. Tanto como a reelección islamita, a entrada no parlamento do pro-kurdo DTP é unha tripla derrota electoral e política para o CHP, os ultranacionalistas do MHP e a caste militar.

A mirada europea
Tralos triunfadores Erdogan e o AKP, as eleccións lexislativas do pasado domingo orientaron os seus resultados cara a institución máis importante, poderosa e prestixiosa da Turquía republicana: a súa clase militar.

A crise de maio pasado desvelou unha pugna directa entre o primeiro ministro e o xefe do Estado Maior, Yasir Buyülkanit, artífice das advertencias en contra dun goberno islamita bicéfalo que levou a Turquía á máis delicada crise política dos últimos anos e ás especulacións sobre unha posible nova intervención militar, tras os golpes de 1960, 1971, 1980 e o “golpe brando” de 1997.

O triunfo do AKP pode asestar un duro golpe ás pretensións da caste militar de ser o árbitro garante da estabilidade laica e secular do país, legado de Atatürk, do cal os militares séntense orgullosos gardiáns. Buyülkanit e o Estado Maior militar observan como o AKP lexitimouse democraticamente para un novo goberno de cinco anos, un período importante para as negociacións de Turquía e a Unión Europea.

Precisamente, desde Bruxelas saudaron efusivamente o triunfo de Erdogan, o cal pode interpretarse como un duro correctivo cara á caste militar turca e a súa obsoleta pretensión de intervención política.

A UE observa a Erdogan como o único interlocutor válido para levar a cabo as negociacións turco-europeas e así o fixo saber o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso.

No entanto, o goberno de Erdogan deberá facer fronte non só ás tradicionais reticencias de certos líderes europeos cara á posible admisión turca, como o é actualmente o caso do presidente francés Nicolás Sarkozy, firme detractor do ingreso turco, ao que prefire máis como un “socio privilexiado” que como un “membro de pleno dereito”.

Os perigosos retos
Erdogan deberá medir con determinación e sapiencia as relacións cívico-militares, o espiñento asunto de Chipre, as controversias históricas sobre o xenocidio armenio e a situación cos kurdos.

A presenza parlamentaria kurda pode reforzar aínda máis o poder político e lexislativo do AKP, firme defensor dos dereitos civís dos kurdos. Pero as presións sobre a posible intervención militar turca no Kurdistán iraquí (confírmase que existen 200.000 soldados turcos na fronteira con Iraq), poden complicar o panorama a curto prazo, xa que Erdogan, así como Europa e EEUU, opóñense á invasión militar. Isto pode provocar unha nova crise que trastornaría a maioría absoluta do AKP, pero tamén cambios xeopolíticos para Turquía. En caso de concretarse esta invasión do Kurdistán iraquí, a caste militar turca, que fixo público o seu descontento ante os obstáculos europeos de admisión turca, podería orientar as súas cartas cara Irán, que favorece a invasión militar, e Rusia, trastornando a tradicional orientación occidental da institución militar turca.

As primeiras palabras de Erdogan centráronse en tranquilizar aos laicos, afirmando que a súa vitoria “non fará arrogante ao seu partido” e confiado en levar “o noso estado democrático, social e secular ao nivel da civilización contemporánea, alá onde quixo levar Mustafá Kemal Atatürk”.

Mencionando a Atatürk, Erdogan falou no seu discurso de continuar “na loita para facer de Turquía un membro da Unión Europea”.

Confirmada esta “declaración de intencións”, o chamado islamismo moderado de Erdogan e o AKP poden constituír unha interesante referencia para o islamismo político en Oriente Medio e o mundo musulmán, tan necesario para sepultar a idea da guerra de civilizacións entre Occidente e o Islam a favor da utópica Alianza de Civilizacións, da que Erdogan é fiel partidario e propulsor.

É por iso que a histórica reelección de Erdogan e o seu partido fan que Turquía e Occidente se xoguen moitas cartas de gran transcendencia para os próximos anos.

4/5 (2 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...