Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Cataluña

Esquerra 'regálalle' 5 escanos ao PSC

CIU que sobe en votos e mantén os 10 escanos que xa tiña vai ter moitas que dicir en Madrid. ICV, a Esquerda Unida catalá, segue a tendencia estatal do partido e perde 1 deputado.

Redacción - 00:55 10/03/2008
O PSC subiría en votos. Na imaxe, Carme Chacón

O PSC subiría en votos. Na imaxe, Carme Chacón

Cataluña non ficou exenta da salvaxe bipolarización resultante destes comicios electorais. A "España plural" non fixo acto de presenza este domingo. Josep-Lluis Carod Rovira, o presidente de ERC -a grande damnificada desta xornada- resumía deste xeito o seu fracaso: "Asumimos que boa parte do noso electorado ficou na casa e que outra parte elixiu un outro voto como voto útil. Debemos saber ver por que ERC non foi quen de mobilizar a este electorado".

Porén, advertiu que ERC é unha formación antiga que pasou "malos momentos" e que saberá extraer conclusións do "mal resultado" deste domingo. Un día para esquecer: Esquerra perdeu cinco representantes no parlamento español, e fica só con tres e, evidentemente, sen grupo propio.

O PSC foi o maior beneficiario da debacle dos republicanos, que acadou o mesmo número de escanos que deixou marchar ERC. Ou mellor dito, o segundo máximo beneficiario, xa que CiU -unha das poucas formacións nacionalistas que, xunto con BNG e NaBai, conseguiu medrar en voto- vai ser peza clave na gobernación do Estado.

Bo resultado tamén para o PP, que gaña dous escanos máis (8), e malo para ICV que baixa en número de votos e perde un deputado. Cousas da "España plural".


(22
.40 horas) ICV recupera o segundo deputado que perdera
ICV loita por non perder un dos seus dous deputados en Madrid. CIU mantén os seus 10 escanos, PPdeC e PSC soben e ERC non consegue recuperar: segue a baixar de 8 a 3.

(21.59 horas) O PSC medra a costa de ERC e ICV, namentres que CIU mantén os seus 10 escanos
O PSC consigue o 45,91% e sobe dos 21 aos 26 deputados. Sobe tamén o PP, de 6 a 7, ao conseguir o 16,44% dos votos. CiU segue a manter os dez escanos. ERC é o grande damnificado; segue a perder 5 dos 8 deputados. E perde tamén ICV 1 dos 2 escanos con que contaba.

(21.32 horas) O PSC medra a costa de ERC

O PSC mantén a tendencia á alza que o resto das federacións socialistas do Estado. Con case o 20% dos votos escrutados, obteñen o 46,21% (26 escanos, 5 máis ca en 2004). Pola súa banda, CiU obtén o 20,23% dos votos que lle serven para manter os 10 deputados actuais. O peor parado é ERC, que perde 5 deputados dos 8 que tiña.

(20.32 horas) CIU mantense, namentres que ERC perde a metade dos deputados
Segundo a enquisa da FORTA, divulgada por TV3, o PSC sacaría polo menos 24 escanos, namentres que CIU podería manter os seus 10 actuais e ERC perdería a metade dos 8 que ten.

A vitoria en Cataluña sería, xa que logo, para o PSC, con 24-27 deputados (21, en 2004). CIU entre 9 e 11 (10, en 2004), e ERC sufriría unha forte baixada, conseguindo 3-4 escanos (8, en 2004).

O PPdeC, pola súa banda, volvería á terceira posición con 7-8 deputados (6, en 2004). Finalmente, ICV perdería 1 (2, en 2004). Cidadáns non conseguiría ningún escano.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: