Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito nos Balcáns

O Estado Español continuará a non recoñecer a independencia de Kosovo

Admite que a decisión da Corte Internacional de Xustiza da ONU sobre este territorio "abre unha nova fase" baseada no diálogo con Serbia.

Axencias - 09:25 23/07/2010
EUA apoia a secesión cosovar

EUA apoia a secesión cosovar

O ministro español de Asuntos Exteriores, Miguel Anxo Moratinos, dixo esta quinta feira que o goberno continuará sen recoñecer a independencia de Kosovo, aínda que admitiu que a decisión da Corte Internacional de Xustiza (CIX) da ONU sobre este territorio "abre unha nova fase" baseada no diálogo con Serbia.

Moratinos reaccionou así á decisión da CIX, segundo a cal a declaración unilateral de independencia de Kosovo en febreiro de 2008 "non violou o dereito internacional". O ministro de Exteriores expresou o seu "respecto" pola resolución do tribunal, que non é vinculante, aínda que engadiu que "en ningún caso cambia a posición de España de non recoñecemento de Kosovo".

O Estado español é un dos cinco da UE, canda Grecia, Chipre, Eslovaquia e Romanía, que non aceptou a secesión do territorio de maioría albanesa de Serbia, como tampouco Rusia, China e a case totalidade de países de América Latina. Si o fixeron até o de agora 69 en todo o mundo, entre estes, os EUA e Xapón.

O goberno español reiterou que sería inflexíbel no seu rexeitamento a recoñecer a independencia de Kosovo, argumentando que vai en contra do dereito internacional e da integridade territorial de Serbia.

A condición que puxo o Estado español para mudar de postura é que haxa un acordo entre as partes ou que o Consello de Seguridade da ONU revogue a resolución 1.244 que este mesmo órgano aprobou en 1999 considerando Kosovo parte de Serbia.

A xuízo de Moratinos, "ábrese unha nova fase e é o momento de mirar ao futuro", en liña co comunicado pola xefa da diplomacia europea, Catherine Ashton, e asinado por todos os socios europeos.

Neste senso, o ministro fixo fincapé en que "a única vía posíbel da solución dos conflitos é o diálogo", como se puxo de manifesto na reunión que todos os veciños dos Balcáns, incluído Pristina, celebraron en Sarajevo en xuño pasado no marco da presidencia española da UE. Neste foro apoiouse a futura integración na UE de todos os integrantes dos Balcáns.


3.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: