Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A Xunta fai contas cara a 2011

Orzamento minguante e estratexia ausente

A escusa da austeridade asoma de novo no discurso de Feijoo, apenas uns días despois de confirmar unha rebaixa de impostos criticada pola propia CES.

Redacción - 10:00 18/07/2010

A recente decisión da Xunta de levar adiante unha rebaixa fiscal co presunto obxectivo de reactivar o sector inmobiliario e, aseguraban desde o equipo de Feijoo, "fomentar o acceso a vivenda e rehabilitación", é un significativo exemplo do improvisado temón do actual Goberno no medio da conxuntura de crise.

Ao fío desa medida, o propio Consello Económico e Social (CES), organismo consultivo onde o propio empresariado está representado á beira de sindicatos e outros colectivos, encargábase de turrarlle das orellas ao gabinete de Alberto Núñez Feijoo. Reprocháballe o CES que non se achegaba dato ningún que xustificase eses supostos efectos favorábeis e advertíalle do paradoxal de teimar nunha redución de ingresos para a caixa pública ao tempo que está en perigo de deterioro a calidade das prestacións sociais e os servizos públicos.

De paso, a propia CES recordaba que, nos termos que a Xunta manexa, esta iniciativa iría xustamente en contra da promesa de facilitar a redución do excesivo peso do sector da construción no conxunto da economía. Un compromiso de viraxe de modelo produtivo cara ao que na práctica a Xunta actual pouco esforzo real estaría demostrando á luz dos feitos.

A "responsabilidade extrema" ao entender de Feijoo
Esa incapacidade para despregar políticas que faciliten un cambio no modelo produtivo contrasta co adorno dos discursos oficiais de presidente e conselleiros. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, afirmaba este sábado en Lugo que "os slogans non se transforman en modelo produtivo". Unha frase coa que Núñez Feijoo defendía a existencia dun programa electoral, o seu, "para gobernar combatendo a crise", diante do que na súa opinión foi un programa do executivo anterior para "negar e tapar a crise".

Unhas declaracións que Feijoo facía ao tempo que anunciaba que no próximo exercicio os orzamentos da Xunta baixarán por segunda vez consecutiva, asegurando que iso non lle impedirá cumprir coa estabilidade orzamentaria acordada. "Acabouse aquilo de presentar orzamentos lucidos, agora debe ser o momento da lucidez", expresou Feijoo na clausura das xornadas de formación municipal para dirixentes do PP.

Un anuncio que contrasta coa ausencia de definición de estratexias e onde non hai mención ningunha de prioridades do executivo para esa conxuntura desfavorábel. Xa que logo, limitouse Feijoo a prometer "responsabilidade extrema" e zoupar na herdanza negativa que ao seu ver lle deixou nas contas o bipartito e de paso, arrebolar paus contra o goberno español. Deste xeito, e no medio do feixe de acusacións acumuladas nas últimas semanas polo deterioro de servizos públicos e os procesos de privatización iniciados polo goberno que pilota, Feijoo mantén os agoiros cara ao vindeiro exercicio: "A Xunta terá menos recursos públicos que este ano, e iso requirirá esforzos por parte de todos".


1.67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: