Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
A XERARQUÍA CATÓLICA CONTRA O PROCESO BOLIVARIANO

Cardeal Urosa Savino: "En Venezuela non hai delito de opinión"

O cardeal Jorge Urosa Savino, á súa chegada ao Aeroporto Internacional de Maiquetía procedente de Roma, onte domingo, expresou que en Venezuela non existe o delito de opinión. O mesmo día o Tribunal Supremo rexeitaba nun comunicado as intromisións políticas da Igrexa católica venezuelana.

Xurxo Martínez Crespo - 12:31 12/07/2010

"En Venezuela está consagrada na Constitución o pluralismo democrático, o dereito á información, a liberdade de opinión e pensamento e eu remítome a eses dereitos", declarou no aeroporto Simón Bolívar procedente de Roma.

Indicou que non emitirá declaracións polo momento polas acusacións do presidente Chávez quen o cataloga de "troglodita" e "indigno" por intentar "meterlle medo ao pobo venezuelano contra o comunismo".

"Non podo declarar máis, primeiro debo estudar as posíbeis implicacións das miñas palabras (...) Debemos buscar manternos unidos" e insistiu en non continuar a polémica. 

 O Tribunal Supremo  rexeita ataque político constante da xerarquía da Igrexa Católica

O Tribunal Supremo de Xustiza (TSX) rexeitou as constantes agresións da alta xerarquía da Igrexa católica venezuelana contra o Estado e o Goberno venezuelano, especificamente as do cardeal Urosa Savino, as dos arcebispos Ubaldo Santana; Baltazar Porras e Roberto Luckert, e as do bispo Jesús González.

Nun comunicado difundido entre os meios de comunicación locais, o TSX cita documentos do Vaticano nos que está estabelecido que os representantes da Igrexa católica non cumpren coa súa única misión se se transformasen en suxeitos políticos, asumindo posicións parciais informou a canle estatal de televivión Venezolana de Televisión.

O TSX asegura que o cardeal Urosa Savino e a xerarquía da Conferencia Episcopal Venezolana (CEV) autoasumiron un papel de interlocutores políticos, en oposición ao concordato entre a Santa Sé e a República de Venezuela.

"A actuación do cardeal e os asinantes dos comunicados da Conferencia Episcopal Venezolana, non son intereses propios da actividade pastoral, senón que revelan un aproveitamento da súa alta investidura para adoptar posicións políticas", asegura o documento do TSX.

Asegura que "as graves agresións e intromisións expresadas através de diversos media a nivel nacional son de longa data e foron innumerábeis".

Entre eles citan: "Imos a unha ditadura e a quebra do país (...) dítanse leis inconstitucionais (...) preténdese implantar un réxime marxista, todo coa complicidade dos poderes públicos e o seu silencio cómplice (...) hai falta duns poderes públicos autónomos (...) e os poderes son submisos".

O máximo Tribunal de Venezuela precisa que esas declaracións revisten un carácter político, de oposición aos poderes lexitimamente constituídos.

Engade que tales actuacións non se corresponden coa actividade pastoral própria da Igrexa católica, xa que logo atentan contra a convivencia entre a institucionalidade democrática do país e a Igrexa católica.

O comunicado indica que o rexeitamento a estes constantes ataques e intromisións por parte da xerarquía católica non debe ser interpretado como unha limitación á liberdade de relixión ou culto.

"Pola contra está orientado a deslindar o que puidese ser un acto pastoral, espiritual e de fe, daqueles que significan unha inxustificada e estraña intromisión nos asuntos políticos e de goberno do Estado."  


Ligazóns

4.43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: