Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
INTERNACIONAL

Países emerxentes no contexto mundial

No contexto da crise actual provocada polas políticas económicas neoliberais e capitalistas existen algúns países que xorden como contrapeso ao poder xeopolítico do imperio americano e que teñen cada vez máis relevancia nos centros económicos do noso planeta. Referímonos ademais de China a países como Brasil, a India e Turquía.

Moisés Lozano Paz - 20:09 02/07/2010
Tags:

Brasil, pronto en proceso electoral

Os partidos políticos de Brasil tomaron posicións e elixiron os seus candidatos para afrontaren a complicada misión de substituír  un dos presidentes máis influentes da historia do país: Luiz Inacio Lula da Silva. O país suramericano prepárase para unha campaña electoral que se presenta moi axustada, cun empate técnico nas sondaxes entre Dilma Rousseff, candidata do Partido dos Traballadores (actualmente no Goberno), e José Serrá, quen será cabeza de lista do Partido da Socialdemocracia. Sexa quen sexa o elixido nas eleccións presidenciais convocadas para o 3 de outubro, a súa tarefa non será fácil. Terá que substituír a Lula, un presidente que non se retira por desgaste, senón porque a Constitución brasileira non permite presentarse a uns novos comicios.

A candidata do gobernante Partido dos Traballadores (PT), Dilma Rousseff, de 62 anos, coa súa abnegación e enerxía fixérona coñecida como a “Xoana de Arco” do movemento guerrilleiro brasileiro. José Serra, do Partido da Socialdemocracia Brasileira, de 68 anos, acumula cargos públicos sobresalientes, os que levou a cabo con éxito. Foi, entre outras funcións, deputado, senador, alcalde e gobernador de São Paulo. Conta cunha alta popularidade.

Segundo un estudo da prestixiosa Fundación Getulio Vargas (FGV) de Río de Xaneiro, Brasil terá a metade de pobres dentro de catro anos: dos actuais 30 millóns de cidadáns que non poden satisfacer as súas necesidades básicas, en 2014 só quedarán 15 millóns. O número de persoas pobres cae un 10% ao ano. Hai oito anos, neste país de 190 millóns de habitantes había 50 millóns de pobres.

Segundo os economistas, isto foi posible pola conxunción de varios factores. En primeiro lugar, a creación de 12 millóns de empregos fixos nos últimos oito anos, así como o aumento do 53% do soldo base dos traballadores, que nalgúns sectores, como na construción, chegan a cobrar un salario de ata tres soldos base. Ademais, o Goberno de Luiz Inácio Lula dá Silva desenvolveu desde 2003, cando chegou á presidencia, unha política de axudas sociais ás familias pobres que lles permitiu afrontar mellor a crise financeira mundial, que afectou aos cidadáns de Brasil menos que aos doutros países. A celebración en Brasil dos Mundiais en 2014 e dos Xogos Olímpicos en 2016 é outra importante fonte de creación de emprego.

O ascenso de Turquía

O fracaso mortífero da flotilla da paz encabezada por Turquía e que se dirixía a Gaza, hai poucos meses, puxo de relevo as crecentes tensións da alianza israelo-turca. Con todo, axudou principalmente a mostrar as razóns subxacentes do cambio da orientación occidental de Turquía enfocada a converterse nun actor fundamental en Oriente Próximo, en alianza cos réximes rebeldes da rexión e con actores radicais non estatais.

A crise actual pon de manifesto a profundidade do complexo de identidade de Turquía, a súa oscilación entre unha herdanza kemalista orientada a Occidente e o seu legado otomán oriental. Rexeitada pola Unión Europea, a Turquía de Erdogan está inclinando a balanza cara ao segundo. Debemos recoñecer que, en efecto, Erdogan respondeu positivamente ás condicións de Europa para a adhesión turca á UE. As súas reformas -liberalización económica, cooperación co Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, mellora dos dereitos da minoría kurda e debilitamento das ambicións pretorianas do Exército- son avances importantes na historia da República Turca.

Agora, unha reforma constitucional que supostamente ten o obxectivo de "promover a adhesión de Turquía á UE" reducirá máis o papel do Exército como gardián do Estado laico e fortalecerá o control do Goberno sobre o poder xudicial.

A pesar de que ante a ambición dos mercados a política parece resignarse, a savia nova destes países emerxentes pode ser de gran axuda para o diálogo intercultural e o benestar dos cidadáns do mundo  


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: