Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise

O século de China

O novo número da revista 'Tempo exterior', que publica o Igadi, ofrece un monográfico sobre o xigante asiático.

Redacción - 11:00 03/07/2010

A revista Tempo exterior, publicada polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, (Igadi), ofrece no seu Nº 20, correspondente ao período xaneiro-xuño de 2010, unha ampla edición monográfica sobre China e as súas perspectivas de cara a se converter na principal superpotencia do século XXI.

Logo de 30 anos de reforma e apertura, China apréstase a iniciar unha nova e decisiva fase do seu proceso de modernización (artigo de Xulio Ríos, director de Tempo Exterior), definindo unha posición central cada vez máis influínte dentro do cambiante sistema internacional.

Este aspecto repercutirá directamente nas relacións entre EUA e China (Enrique Enrui Yang), así como na proxección chinesa sobre Asia Central (Marcelo Javier de los Reyes), onde Beijing ofrece un modelo de integración diferente ao proposto por Washington.

Paralelamente, a complexidade das relacións entre China e Taiwán (Romer Cornejo) considera a necesidade de interdependencia económica que permita o achegamento político. Ao mesmo tempo, a implicación de Beijing como socio económico en América Latina (José Gabriel Martínez Borrás) suporá un cambio significativo nas relacións internacionais, especialmente de cara á cooperación Sur-Sur.

Neste senso, a conformación da Comunidade do Leste Asiático (CLA) definirá a cada vez maior importancia de Asia Oriental no plano internacional (Masashi Oki), un escenario que se deberá medir ante as fortalezas e deficiencias no marco de rexionalización e, especificamente, da relación entre China e Xapón.

A necesidade de fomentar unha maior conciencia na aplicación de mecanismos de defensa dos dereitos humanos dentro do sistema lexislativo chinés (Miguel Ángel Ramiro Avilés) implica abordar un aspecto esencial, que frecuentemente obstaculiza as relacións entre Beijing e Occidente.

Igualmente, cómpre considerar a evolución dos diversos modelos de desenvolvemento económico en China (Julio A. Díaz Vázquez) que explican as transformacións dunha economía socialista planificada a outra basicamente determinada polo consumo e a exportación.

Este número monográfico sobre China inclúe un artigo inédito sobre as bases fundamentais do sistema xurídico da antiga China (João Casqueira Cardoso) realizado baixo o prisma occidental do xurista holandés Robert Van Gulik.

Finalmente, a necesidade de concretar un Plan China para Galiza (Marola Padín Novás) implicaría unha estratexia por parte do noso país que permita observar o país asiático máis como unha oportunidade que como unha ameaza.

Recensións finais

Tempo exterior Nº 20 finaliza cunha selección de recensións sobre as ultimas novidades bibliográficas, con traballos sobre a saúde e a cooperación internacional; as interferencias Norte-Sur no marco da "anticooperación"; o proceso independentista escocés; unha nova aproximación á Venezuela de Chávez; os irmandamentos en Galiza; Europa do Leste a dúas décadas da caída do Muro de Berlín; e as memorias do falecido ex secretario xeral do Partido Comunista Chinés, Zhao Ziyang.


3,71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: