Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irlanda

Edición xestionada por María Golpe
RSS de Irlanda
Irlanda: Lei de parellas de feito

Os bispos piden liberdade de voto por motivos de conciencia relixiosa

A igrexa católica tamén pediu que a lei lle permita a aqueles oficiantes que o desexen a opción de negarse a celebrar cerimonias.

María Golpe - 13:25 21/06/2010

En xuño do 2009 o goberno irlandés publicaba o texto no que se baseará a primeira peza de lexislación sobre parellas de feito do país, Civil Partnership Bill. 12 meses mais tarde, o goberno irlandés conta con publicar finalmente a nova lei (que irá a votación no parlamento unha vez aprobada polo Senado), antes do descanso estival dos membros do Dáil (parlamento irlandés).

A nova lei daralle certo recoñecemento legal ás parellas homosexuais - así como certos dereitos a parellas (homosexuais ou heterosexuais) convivindo sen estar casados.

Esta semana, bispos católicos pedíronlle ao goberno que lle permita ‘voto libre' a cada ministro e senador, citando motivos de conciencia relixiosa. A igrexa católica tamén pediu que a lei lle permita a aqueles oficiantes (funcionarios) que o desexen a opción de negarse a celebrar cerimonias - o que tería graves consecuencias en materia de igualdade e dereitos humanos segundo Equality Authority. Segundo os bispos, a nova lei contradí a ‘protección da familia' amparada pola constitución irlandesa e critican o goberno por quererlle dar ás parellas homosexuais un status ‘o mais parecido posible' ao do matrimonio.

Sen embargo, representantes do goberno indicaron que a lei sairá adiante sen os cambios suxeridos polos bispos. O ministro John Gormley expresou o seu desexo de que a igrexa ‘deixe de interferir' no asunto.

Dende que Irlanda decriminalizara a homosexualidade nos anos 90, a nova lei será un dos pasos mais importantes para a comunidade gay da illa. Sen embargo, colectivos a prol dos dereitos de gays e lesbianas, así como Amnistía Internacional Irlanda, califican a lei de inxusta e discriminatoria.

Mentres que lle dará recoñecemento e algúns dereitos legais ás parellas homosexuais, a institución do matrimonio (e os seus beneficios) seguirá sendo territorio exclusivo das parellas heterosexuais.

A organización Noise - LGBT, que representa a comunidade de lesbianas, gays, bisexuais e transexuais define a Civil Partnership Bill como unha lexislación para unións de ‘segunda clase'.

Liam Connolly, membro de Noise, explica que a comunidade gay lle pide ao goberno o "dereito ao matrimonio para parellas do mesmo sexo, e non a unión civil. A comunidade de LGBT quere igualdade e iso significa ter dereito a casar."


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: