Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Entrevista

Con Camilo Nogueira, premio Pedrón de Ouro 2010

A entrega do Pedrón de Ouro 2010 a Camilo Nogueira fai xustiza a toda unha traxectoria de fidelidade e militancia intelixente pola dignidade de Galicia, dunha Galicia solidaria e dona de seu.  Economista, político, parlamentario na Europa das nacións e dos pobos, participante activo no Foro Social Mundial, Camilo comezou a súa andaina nas loitas en Citröen nos anos sesenta e na Asociación Cultural de Vigo. Foi tamén parlamentario galego por Esquerda Galega e polo BNG, ademais de ensaísta e intelectual crítico e sagaz. Comentamos con el, aquí, un chisco do acontecer.

Redacción - 00:00 21/06/2010



Estamos en plena crise e o recorte do gasto público, tamén social, chega de súpeto, despois de moitas promesas en sentido contrario. Que se fixo mal?  

Creo que debemos salientar que a crise da economía estatal só en parte se deriva da global, que por outra parte non é tal, dado que afecta ás economías máis industrializadas, EUA e a UE - debedores dun poder financeiro dentro dun capitalismo neoliberal que condiciona perversamente a economía real-, e non afecta a unha parte fundamental do mundo: China, India, Brasil. Afecta incluso de  forma moi distinta a países do primeiro grupo, sendo  moi diferente a situación, poñamos por caso, de Austria ou de Grecia.
  Na mesma Galiza, cunha economía máis exportadora, a situación non é igual que nas comunidades autónomas máis debedoras dos problemas causados pola especulación inmobiliaria,

Dito isto, a crise española  ten un compoñente moi particular, que se ben emerxeu coa crise financeira global, aparecería de todas formas, sendo responsábel de que o desemprego, que chega na UE e en EUA ao 10% dos ocupados, acade no Estado español a perto de 20%, con máis de catro millóns de parados. A metade deles son consecuencia dunha crise específica derivada da caída da construción e algún outro sector de servizos, alimentados irresponsabelmente durante anos mediante o endebedamento exterior e interior e por unha especulación irresponsábel.  

Temos, logo dúas crises metidas nunha.
 

E cando se superar a crise global, restará a específica do Estado español. Tardarase anos en superala, debendo crearse dous ou tres millóns de postos de traballo en sectores tecnoloxicamente máis avanzados, sen saberse que vai ocorrer con boa parte dos actuais desempregados, dicilmente integrábeis na nova economía e en grande medida inmigrantes que teñen todo o direito de ficar aquí.
  Nos anos pasados houbo motivos para desconfiar e pórlle remedio a un camiño moi equivocado, e non se fixo,  nin no tempo de José María Aznar -cando pretendía darlle leccións a Alemaña, en tanto que favorecía un crecemento especulativo e gastando os cartos que viñan da UE en proxectos ostentosos como o novo Barajas- nin con  José Luís Rodríguez Zapatero, presumindo de alcanzar a Italia en renda por habitante e de estar perto de facelo con  Francia.


Non podemos crear un estado social que sexa sustentábel no tempo? 

O que hai que facer para asegurar un Estado social sustentábel no tempo ten pouco que ver coa propaganda e as intencións do capitalismo financeiro e dos gobernantes que apoian de facto ese sistema en contra dos intereses dos  traballadores e  mesmo en contra dos empresarios e da economia real. Son  perfectamente compatíbeis un desenvolvemento equilibrado, tendo en conta as transformacións de cada tempo, e a conservación da mellora das conquistas do Estado do benestar, sendo solidarios cos países máis pobres e respectando a natureza.


As criticas xerais ao Estado do benestar (ensino, sanidade, pensións... de carácter público) proceden dos que pretenden estender a esas áreas vitais os intereses privados depredadores, procurando os máximos beneficios.

    A crise actual, cando nace, parece apuntar a malas prácticas por parte da gran banca. Pero a cidadanía non termina de ver que se tomen medidas de control e de nova tributación para os culpables. Aprenderemos e introduciremos melloras ou seguiremos a depender da cobiza duns poucos?  

Esperemos que sí. Efectivamente, as solucións que se pretenden tomar fronte á crise tratan máis de recortar os dereitos sociais conquistados que de estabelecer unha fiscalidade redistributiva,  por exemplo, recuperando o imposto sobre o patrimonio, incidindo máis nas rendas altas ou loitando firmemente contra o cancro da fraude fiscal. 
 

O BNG tivo a oportunidade de amosar a súa capacidade de goberno durante o bipartito. Despois pasou o que pasou. A “análise” oficial da derrota fala de inimigos externos e dunha “mala comunicación” de todo o feito á cidadanía. Non haberá algo máis para explicar aquel fracaso? 

Creo que o goberno bipartito e particularmente o BNG non souberon ou non quixeron estabelecer programas ambiciosos que os diferenciasen, e que eran posíbeis mesmo dentro do limitado autogoberno que temos. Limitáronse basicamente a administrar o que existía. En lugar de gañar por centos de votos, como era posíbel, perderon por un deputado, aínda gañando en votos, como antes gañaran tamén por un deputado.

Respecto do BNG as posicións mantidas foron consecuencia de decisións para min fondamente equivocadas tomadas no principio desde 2001, cando aínda lograra ser a primeira organización da esquerda, negándose a interpretar a nova realidade da sociedade galega, máis preparada que nunca para o autogoberno, e non admitindo a  necesidade de revisar a estrutura interna da formación política, inadecuada e incomprensíbel para a xente. En lugar de tomar unha postura politicamente avanzada e firmemente democrática, que incluíse un incremento da afiliación, o BNG asumiu unha posición acomodaticia, facendo visíbel para a xente que renunciaban a converterse nunha forza hexemónica en Galiza. Estaban máis preocupados  por ter “peso en Madrid” que e na atención ás necesidades da xente e  na construción do autogoberno nacional, abríndose ao mundo. 

  En que medida PSOE e BNG saíron feridos despois do cambio producido? En que medida ese mal ten cura? 

Trátase de facer o que non se levou a cabo entre 2005 e 2009. Na sociedade existen elementos políticos, económicos, sociais e culturais para apoiar unha alternativa de goberno á dereita. Mais, iso necesita unha preparación que non se albisca e desde logo, outros protagonistas. 

Como ves o futuro de Galicia, a curto e a longo prazo? Seguen vixentes os postulados que mobilizaron a túa vida e a túa enerxía? Desde onde e como se poderían ir construíndo alternativas?
 
 
Sufrindo aínda os efectos da grave marxinación secular, sobre todo demograficamente, Galiza é hoxe un país máis concienciado sobre o sobre o seu carácter nacional e lingüístico, cunha lingua propria que ten ademais unha dimensión  intercontinental, un país urbano e industrial, mantendo abertas as potencialidades agraria e mariñeira, que conta con natureza excepcional e está situado no centro do Atlántico. Debemos  desprendernos da mirada proxectada sobre nós polo poder e a ideoloxía dominante nun  Estado español que nega a  nosa historia,  tomándonos como unha provincia española excéntrica. Temos que sabernos como unha nación en Europa e no mundo, por nós mesmos.


4.94/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: