Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Romaxe 2010

MONTERROSO: NO CORAZÓN DA ULLOA, NO CORAZÓN DE GALICIA

    Este ano, aló polo 11 de setembro, imos de Romaxe a Monterroso. Monterroso atópase no corazón de Galicia, formando, xunto con Palas de Rei e Antas de Ulla, a Comarca da Ulloa, situada na cabeceira do río Ulla. Protexida polos montes do Careón, Farelo e Vacaloura, e regada polo río Ulla e unha morea de regueiros que o van configurando: Son cento catorce quilómetros cadrados de terra fértil e produtiva.

Miguel Rico - 17:38 19/06/2010

      

       Unha terra viva
     País  granítico (penas, pedras de muíño,….), rico en carballos, castiñeiros, fragas e soutos; noutra época terra chea de leiras de centeo e trigo (por iso hai tantos muíños), hoxe convertidas e praderías pois a xente adícase á cría de gando vacún.
     Terra de bos queixos, en especial dos chamados da nabiza (os da época do nabo, no inverno) e bos xamóns (inspiráronlle a Otero Pedrayo o poema adicado ó xamón cando pernoctou un día en Monterroso).
     Ten unha poboación duns catro mil trescentos habitantes, dos que uns 2000 viven na vila. A xente das aldeas adícase á agricultura e a da vila vive fundamentalmente do sector servizos: funcionarios do Centro Penitenciario e traballadores (a maioría a tempo parcial) na fábrica de envasado de conservas de Arotz (castañas, amorodos, espárragos, framboesas….).
     Conta cun colexio de Educación Primaria, un Instituto de Secundaria, Centro Médico, Centro Penitenciario, Cuartel da Garda Civil, Museo Parroquial (con interesantes pezas arquolóxicas e útiles dos oficios tradicionais.
     Alí  onde se cruzan os camiños
     Monterroso é ademais cruce da camiños: Lugo por Guntín; Coruña por Palas, Melide….; Pontevedra por Antas de Ulla, Agolada, Lalín…; Ourense por Taboada, Chantada.
     30 parroquias, a maioría con Igrexa Románica. Estamos no camiño de Santiago (pasa por Ligonde, unhas das grandes parroquias de Monterroso e referencia no camiño medieval a Santiago polo seu hospital de peregrinos) de aí a súa influencia.
     Ten censados 15 castros (o crego da parroquia de Monterroso, Carlos Méndez Vázquez, ten publicado un libro sobre os mesmos). Os topónimos das aldeas e lugares recollen esa presenza castrexa, así como a presenza dos romanos coas súas “villae”, influencia do Camiño de Santiago, terra de fidalgos e señores feudais: Ulloa, Salgado, Sirgal, Amarante,…. 
       Lugar de Feira ....e Romaxe
     Feira o día 1 de cada mes, destacando a do 1 de novembro, a Feira de Santos, a Feira das Feiras ou o Feirón, como se coñece (hai documentos que indican que no ano 1581 xa se facía esta feira, pero posiblemente sexa aínda máis antiga). Noutrora feira de gando cabalar (necesario para os labores do campo) e produtos agrícolas (fabas, castañas, trigo, centeo…) e do porco (xamóns, lacóns, chourizos,…), hoxe, sen faltar estes elementos, ten o que calquera feira pero multiplicado por dez ou vinte.
     Como persoeiros ilustres temos a Lorenzo Varela e a Teolindo Cortiña Toural (1884-1972), crego, poeta, quen co alcume de Antón de Xirgal, critica o caciquismo e cofunda o xornal “El Eco del Ulla”, canle de reivindicacións sociais e culturais e vía de comunicación coa xente da emigración.
     A área fluvial da Peneda é un espazo de lecer, de goce da auga e unha “homenaxe” aos muíños, aos muiñeiros (e polo mesmo, creo eu, ao trigo, ao pan, aos labregos….). Un lugar de Romaxe para una ano de Camiño.
     ¡Miña Fala! 

         Nesta terriña galega
     arroleime de pequeno
     e nela vivirei sempre,
     ¡penso ser sempre galego!
     non podo deixar a patria;
     moito menos o tarreo;
     non podo deixar o lar
     -siquera oír falar deso-
     en que a mamá me atoupou
     tantas veces co sabelo;
     non podo esquencer a fala
     que a miña nai no barrelo
     me deu a mamar co leite
     escondéndome no peito.
    ¡miña fala, fala miña!
     pois a todos ti pos ledos;
     ben o saben as maiciñas
     que de cerca ou de lexos
     cantan cántegas da terra
     para facernos estar quedos.
    Miña mai do corazón,
     se me acordo doutros tempos,
     se me acordo dos pesares
     que che dei sendo nicrenxo,
     a miña alma non alteza
     (¡un candil esmorecendo!)
     e queda fría de todo
     como as noites do inverno;
     se me acordo dos contiños
     que contabas ó teu neno,
     cando o tiñas entre as saias
     dándolle biquiños tenros,
     os meus ollos lagrimexan,

     bágoas botan coma dedos;
     se me acordo da túa fala,

     pois falabas en galego
     cando estou lonxe de ti,

     por oírte me devezo.
Esa fala agarimosa,
     que salía do teu seo,
     esfondóuseme na alma
     E nela xa ten un tempro;
     nunca a perderéis na vida,
     anque a perda o mundo enteiro
     (Teolindo Cortiña Toural)


4,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: