Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sondaxe de El Periódico de Catalunya

Elevado apoio á independencia e maioría folgada para CiU

A poucos meses da cita coas urnas, un novo barómetro político prognostica unha significativa viraxe no mapa político catalán.

Redacción - 10:45 19/06/2010

No último medio ano a porcentaxe de cataláns que "romperían con España" medrou en nove puntos. Sinálao o barómetro político de verán que o GESOP elaborou para El Periódico de Catalunya. Xa anteriormente os partidarios do 'si' á independencia estiveran por riba dos que votarían 'non', pero tal e como sinala o estudo, o abano de vantaxe do 'si' nunca foi tan amplo (un 48,1% diante dun 35,3%). Con todo, dous de cada tres cidadáns considerarían que non sería o momento actual o axeitado para levar adiante un referendo sobre o modelo de Estado. O xornal relaciona esta tendencia favorábel ao independentismo coa actual conxuntura política, e as cancelas ao Estatut.

Por outro lado, o barómetro prevé un significativo aumento de apoio para CiU que, de parar nos 48 escanos na anterior cita coas urnas pasaría agora a obter entre 65 e 67 representantes (a maioría absoluta no Parlamento catalán está nos 68 escanos). Mentres, o partido do actual presidente, o PSC, obtería os seus peores resultados en Cataluña, descendendo dos 37 asentos que rabuñou en 2006 a unha marxe de entre 30 e 32. Máis grande é a previsión de afundimento para ERC que de obter 21 deputados baixaría a só 12 ou 13. Unha caída no apoio a Esquerra que lle podería permitir ao PP converterse na terceira forza do Parlamento, apañando entre 13 e 14 asentos (gañara 14 en 2006). Tamén con tendencia ao descenso aparece ICV-EUiA, que dos 12 actuais se estaría movendo entre 10-12 deputados. Por último, desaparecería da Cámara a formación Ciutadans, que ten na actualidade 3 asentos.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: