Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Débedas das empresas futboleiras

Por que Facenda e a Seguridade Social non lle reclaman aos clubes 632 millóns de euros?

O BNG achega proposición no Congreso para axilizar o pago dos clubes e reclama que se recorten as primas que cobrarán os xogadores da selección estatal.

Redacción - 12:00 11/06/2010

Un total de 627 millóns con Facenda e 4,9 millóns coa Seguridade Social. Son as débedas que acumulan os clubes de primeira e segunda división no Estado español. Unha "astronómica" cifra que, en opinión do BNG, reflicte que ao tempo que se lle esixe á sociedade que se aperte o cinto existe unha "tolerancia" da Axencia Tributaria á hora de esixirlle aos clubes de fútbol o pago das débedas contraídas.

Por este motivo, o voceiro do Bloque no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou esta semana unha proposición non de lei que insta o goberno español a adoptar as medidas necesarias para que os clubes de fútbol paguen a débeda con Facenda e coa Seguridade Social. Dada a elevada cifra da débeda, considera o deputado nacionalista que queda claro que o executivo estatal "non executou os mecanismos dos que dispón, ou ben, tales mecanismos son totalmente ineficaces para garantir o cobro". Jorquera considera "un escándalo" que se sigan movendo multimillonarias cifras no mercado de fichaxes mentres se acumulan esas débedas co Estado. Ao tempo, láiase de que moitas operacións sexan financiadas por entidades que supostamente teñen carácter social "como son as caixas de aforros nun contexto no que escasea o fluxo de crédito á economía produtiva e ás familias". Por este motivo, os nacionalistas suxiren tamén que se poña límite ao gasto adicado a fichaxes e ás propias remuneracións dos xogadores.

Queixas polas primas á selección estatal de fútbol
O BNG aproveitou esta iniciativa para propoñer ademais que a Federación Española de Fútbol "renegocie as primas á selección española polos resultados a obter no Mundial de Sudáfrica". "Tendo en conta o actual contexto de fortes axustes e recortes do gasto", Jorquera cualificou de "escándalo" que no caso de que gañen o Mundial estes xogadores reciban 550 mil euros. "Unha cifra que case triplica á que recibiron hai dous anos por gañar a Eurocopa", subliñou, e que é a máis alta prometida por unha federación neste Mundial 2010.


4.56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: