Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
CANDIDATO DO BNG NA CORUÑA DENDE 1987

Henrique Tello anuncia que deixa a primeira liña política

O tenente de alcalde avanza que non se presentará ás municipais. Afonso Sánchez Regueiro e Xosé Manuel Carril principais candidatos ao relevo.

R.Vilar - 17:30 25/05/2010

Logo de 24 anos co mesmo candidato a alcalde, o BNG terá que buscar un novo cabeza de cartel na Coruña para as municipais do vindeiro mes de maio. Henrique Tello vén de anunciar este mesmo martes que se retira da primeira liña política. A nova, que causou sorpresa nas propias filas nacionalistas, cambia o guión na pugna interna polo liderado local.

Diante dos medios, Tello sinalou que era unha decisión persoal madurada "dende hai moitos meses" e que a deu a coñecer por ser “o día e o momento idóneo” diante da “inminente” apertura do debate interno para a elección de candidatos. Porén, aclarou que seguirá a participar na política como militante de base e que se reincorporará ao seu posto no ensino.

Nacido en Corcubión en 1951, Henrique Tello presentouse por primeira vez á Alcaldía en 1987. Profesor de Filosofía no ensino medio, comezou a militar no nacionalismo xa no Bloque Nacional-Popular Galego e participou na fundación do BNG en 1982. Histórico militante tamén da Unión do Povo Galego, abandonou este partido e veu mantendo un forte pulso interno co mesmo na asemblea local dende mediados dos 90.

Dúas listas posíbeis?
Nas últimas eleccións celebradas ao Consello Local do BNG da Coruña presentáronse dúas listas. A encabezada por Afonso Sánchez Regueiro logrou aglutinar o chamado “tellismo”, aos “irmandiños” e o daquela Máis BNG (agora Máis Galiza) e vencer por poucos votos á candidatura alentada pola UPG.

Coa retirada da primeira liña de Tello, o pulso entre estes dous grandes bloques podería reeditarse. Segundo fontes consultadas por Vieiros, Afonso Sánchez Regueiro, até o de agora xefe de gabinete a Tenencia de Alcaldía, é unha das bazas principais do primeiro sector. Pola súa parte, a UPG tería tamén decidido o seu candidato: Xosé Manuel Carril.

Queda ver tamén como se reorganizan agora as forzas internas para a composición dos postos de saída. Na asemblea local está representado o sector máis próximo a Tello (o liderado agora por Sánchez Regueiro); o Encontro Irmandiño (con Mario López Rico á cabeza); a UPG (Xosé Manuel Carril e María Xosé Bravo, como case seguras propostas de saída); e Filipe Díez que sería o candidato a concelleiro dunha Máis Galiza que na cidade ten dúas grandes sensibilidades.


4.52/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: