Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
LETRAS GALEGAS

Olga Novo: “ Novoneyra foi un interpretador da música do ar e da terra”

Olga Novo é profesora de literatura na Université  Bretagne Sud en An Oriant, na Bretaña francesa. Poeta e ensaísta, gañou o premio Ánxel Fole coa obra Lingua loaira, sobre a poesía de Uxío Novoneyra. Pero o que realmente importa é que naceu en Vilarmao, ao pé do Courel porque iso é o que determina como é. Teñen moita sorte os seus alumnos e as súas alumnas porque sabe transmitir a verdade da poesía e faino con seguridade, con  emoción e  paixón. Tamén temos sorte nós, porque a través dela vemos o tesouro da poesía de Novoneyra.

Aldegunde Quiñones - 19:26 21/05/2010
Tags:

De onde xorde o teu interese por Novoneyra?


Eu medrei no pequeno lugar de Vilarmao, no interior de Lugo, ollando os montes do Courel, onde naceu Uxío Novoneyra. Alí lin por primeira vez, cos ollos postos na montaña, o seu libro Os eidos. Esa primeira lectura da infancia foi realmente emocionante, porque me vin naquel libro o meu mundo, porque vin a Galicia rural na que eu me criaba. En Os eidos vin a miña nai convertida nunha pastora poética, a meu pai como labrego e tamén a min mesma porque nesa descrición poética, nesa revelación do mundo labrego que fai Uxío vemos aparecer eses traballos cotiáns nos que eu mesma participaba. Así que xunto coa fascinación estética ou literaria había tamén ese outro compoñente vivencial, porque a sensibilidade de Novoneyra convertía ese meu mundo cotián do rural galego nunha especie de milagre con ese caer da neve que fascina ou simplemente o lume dunha lareira que acaba sendo un enigma.


Que ten de particular a poesía de Novoneyra?



Para min, á  parte de ser unha poesía moi culta, é tamén unha poesía que chega a todos porque ten raíces moi profundas na terra e leva esa Galicia labrega e a lingua que vai con ela. Pero, ademais, a poesía de Novoneyra é tamén política no sentido máis profundo do termo porque defende o respecto e a dignidade humana, o respecto aos animais e ao medio natural. Tamén, por suposto, o respecto á cultura do mundo tradicional que eu creo que viu que estaba no inicio da súa desaparición. Coma todos os grandes poetas soubo ser visionario, soubo anticipar ese proceso. Penso que a poesía de Novoneyra, á marxe da súa grandeza literaria, ten a grande importancia de ser un símbolo de resistencia porque coas súas palabras o que fai é rescatar, deixar escrito para sempre, a beleza dun mundo que foi noso. É o que ocorre nun dos textos que eu máis admiro, no que fala do futuro de Galicia e dos seus propios fillos:


Branca Uxío e Arturo

quedaranse no Futuro

quedaredes no Futuro

e ti Galicia a durar

anque se funda o lousado

e caia neve no lar

anque se funda o lousado

e se descubra o faiado.

No cuarto en que fun nado

e no mesmo leito ha nevar.


Como te achegaches á obra de Uxío?



Cando fixen a primeira lectura de Os eidos eu tería uns dez anos. Lera algúns poemas na escola e a profesora de galego deixárame o libro. Foi unha lectura que me fascinou, que me chegou a dentro e quedou aí durante moitos anos coa idea de, algún día, escribir algo sobre ese impacto que me producira, porque vin alí un mundo. Uxío non foi só un esteta: el foi un interpretador da música do ar e da terra, un dos maiores poetas que deu Galicia e que deu a literatura universal. Na súa poesía vin unha verdade humana, unha verdade profunda, a música da súa montaña, a música dos animais, dos seus seres queridos e da súa propia terra que dalgunha maneira tamén era a miña.


As distintas obras  de Uxío posúen unha gran coherencia, non si?


Estamos ante unha obra total. Creo que non se pode separar Os Eidos de  Do Courel a Compostela ou das últimas obras. En realidade é todo un conxunto que se intercomunica. Hai ecos dunhas obras a outras e hai, sobre todo, unha mesma forza de fondo, un mesmo cauce que as atravesa todas: a defensa da lingua, que aparece máis explícita nas últimas obras pero que xa en Os eidos estaba latente en cada palabra, porque é un canto lingüístico tan esplendoroso que non se pode dicir que ese tema non está tamén presente.


A renovación  é unha dos aspectos que caracteriza a súa obra.


Si, e un dos seus aspectos renovadores foi o gráfico con eses poemas de trazo impresionante que traducían tamén o seu haiku. Outra manifestación da súa forza eran os seus recitados, porque tampouco non hai que esquecer que foi un gran cantor poético e un gran rapsodo. En Novoneyra hai moitas vangardas naturais: non creo que en Uxío haxa un proxecto rupturista, senón que se producen nel de xeito natural.


Era un poeta perfeccionista?



Volvía moito sobre a súa obra nunha constante recreación do texto. Si, era un poeta perfeccionista, da concentración expresiva, do trallazo e da iluminación. Pulía os seus textos ata deixalos nos ósos de xeito que cada pequeno texto é unha imaxe do microcosmos e unha imaxe do cosmos total, é dicir, en cada mínimo texto de Novoneyra está incluído en xerme o resto da súa obra: nese pequeno paxariño que se pousa no bico do brelo, aí está resumida toda a obra de Uxío. E tamén resumida a lingua galega, porque ese texto é practicamente intraducible, porque aí está a música da lingua. 


É unánime a consideración da obra de Uxío como viva e actual. Por que?


A obra dos grandes creadores é, como dixen, un símbolo de resistencia. A verdadeira poesía é ecoloxía tamén, e, neste caso, ecoloxía lingüística. A obra de Novoneyra, sen ter tintes panfletarios en ningún caso, é un grande canto á lingua galega e ao mundo rural, proletario e mariñeiro. Nela están todas as Galicias e está, claro, a súa expresión natural que é a lingua galega. Neste momento ese legado, esa herdanza da palabra de Uxío Novoneyra, fainos máis falta ca nunca.


4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: