O poeta e narrador vigués lembra como cando era estudante a súa xeración xa admiraba a Uxío Novoneyra como un clásico.
Vén de publicar en Xerais unha biografía e antoloxía co máis que suxerente título de 'Folerpas de Novoneyra”. A súa paixón polo poeta do Courel remóntase aos anos de estudante universitario en Compostela. Elixiu a toponimia dun seu poema para un traballo etimolóxico cando estaba a cursar cuarto de Filoloxía Galego-Portuguesa: “Naquel momento (ano 1987) nós xa viamos a Novoneyra como un clásico”.
Fran Alonso destaca a paixón poética do homenaxeado “da poesía como verdade, como identificación vital”. Salienta a evolución constante do autor “dende as obras máis apegadas á terra até os poemas caligráficos”.
Dubida un pouco cando se lle pregunta polo poema ou obra que máis pegada lle deixou: “É moi difícil porque ten poemas clave como 'Vietnam Canto', que é fundamental, mais se non me quedase máis remedio seguramente quedaría con 'Os Eidos', sen esquencer para nada a súa poesía máis comprometida politicamente que é de primeiro nivel.”