A poeta, que recoñece que descubriu "tarde" a Novoneyra, valora o marcado carácter único e persoal da súa obra como algo do que calquera autor se debería sentir orgulloso.
María Lado non coñeceu directamente a Novoneyra, e recoñece que "o contacto con el chegoume moi tarde, a través dos estudos". Mesmo, a pesar de que descubriu outros autores pola súa conta, "a Novoneyra coñecino polo instituto".
En todo caso, da súa obra destaca o feito de que é "moi persoal. Non hai ninguén en Galiza que fixese o que el fixo. Non se parece a ninguén máis". E iso, para Lado, é "algo moi positivo" que se diga dun autor. De toda a obra de Novoneyra, María Lado considera que "o máis representativo son Os Eidos".
A poeta afirma que as figuras literarias do país "hónranse demasiado pouco en vida, e hai demasiados actos despois da súa morte", polo que avoga por non agardar ao pasamento dos autores para recoñecer o seu traballo creativo. Por outra banda, "por parte das institucións e da sociedade hónranse demasiado outras figuras que non son tan decisivas para a formación do carácter dun pobo".