Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DÍA DAS LETRAS 2010

"É o último bardo da poesía galega"

Tivo a sorte de coñecelo de perto, de cativa, e despois redescubriuno literariamente, destaca o papel do poeta na literatura galega do século XX.

Redacción - 11:00 14/05/2010
Tags:

María do Cebreiro coñeceu en primeira persoa a Novoneyra. "Foi a través dos meus pais. Eran amigos. Lembro ir á súa casa, que estaba relativamente perto da dos meus pais". Pero Novoneyra tamén "era pai dunha compañeira de clase miña. Había unha relación persoal". Da súa persoa destaca que "moita xente que tivo a sorte de coñecelo destaca a súa presenza". "De nena impactárame a súa persoa, a súa voz... tiña algo como de conto. Teño unha imaxe moi nítida de cando nena".

Pero, despois deste contacto persoal, María do Cebreiro descubriu a faceta literaria de Novoneyra. "Redescubrino a través de Emilio Araúxo, el é un pouco o que me dá as ganas realmente de entrar a fondo na obra de Novoneyra, hai arredor de dez anos". De toda a súa literatura, quedaría "co Vietnam Canto", e de Novoneyra "destacaría esa cuestión bárdica que ten. É o último bardo da poesía galega, até que se demostre o contrario", fronte á poesía actual, onde "temos a performance". Para María do Cebreiro, Novoneyra foi "bardo coa dificultade que supoñía en pleno século XX".

Sobre a honra que se lles presta aos autores en Galiza, María do Cebreiro cre que "ao mellor estase a honrar de máis". Non comparte "a imaxe da Galiza desagradecida ás súas figuras. Cométense deformacións, que se poden corrixir co tempo, non só cos poetas. É inevitábel", asegura. Expresou a súa preocupación polo feito de que "a cultura da homenaxe derive na necroloxización da cultura", e avogou por "facer máis lecturas reais do legado das persoas", porque a crítica e o cuestionamento "fan que as figuras sigan vivas". 


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: