Autor dunha biografía sobre Novoneyra, salienta a importancia d'Os Eidos e dos seus poemas caligráficos na historia da creación artística en Galiza.
Antón Lopo, autor da biografía sobre Novoneyra A distancia do lobo, lembra que conoceu o poeta "hai moitos anos, cando aínda vivía". O seu contacto foi, nun primeiro momento, a través da súa obra e, posteriormente, a través dos seus recitais. Lopo comezou a estudar a Novoneyra a finais dos a nos 80 e comezos dos 90, cando editou algúns dos seus caligramas e mais as reflexións do propio Novoneyra sobre os poemas caligráficos editados nos anos 70. "Creo que era unha persoa moi afábel, cunha certa distancia", como o título da biografía escrita por Lopo. "De xesto solemne e ao tempo próximo, cunha voz profunda e unha presenza física importante".
Sobre a obra de Novoneyra, Lopo salienta "a radicalidade na concepción de como se constrúe un poema". Do seu legado, "Os Eidos é unha obra fundamental na súa traxectoria e na poesía galega do século XX", aínda que "os poemas caligráficos son un conxunto formal e conceptual sen equivalente na historia da creación en Galiza".
Lopo considera que "sempre é gratificante" que se honre as figuras literarias en Galiza. "O que se bota en falta", puntualiza, "é que se lean as obras, que se coñezan, xa non só as da xente más nova, senón dos que son clásicos e imprescindíbeis, como é o caso do propio Novoneyra". O problema, para el, é "que non se le o suficiente nin se comprenden suficientemente as sáus obras". A literatura actual está "forxada sobre un marco conservador na creación e na crítica literaria, que non se preocupa de facer unha proposta incitante".