Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acordo de fusión de Caixa Galicia e Caixanova

De "competencia histórica" a "histórica unidade"

O presidente da Xunta confirmou esta terza feira a beizón dos consellos de administración das dúas entidades ao preacordo de fusión.

Redacción - 17:50 11/05/2010
Tags: caixas



"Unha unión por fusión equilibrada e paritaria que responde aos intereses de Galiza". Así definía na tarde deste venres o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo, o acordo conseguido por Caixa Galicia e Caixanova cara a fusión das dúas entidades. Un paso co que, considera o presidente, o país supera a "proba de forza" que supuxo este proceso, dando exemplo de superación de "pesimismo obstaculizador" e "optimismo falaz" en favor do "realismo construtivo" para peneirar finalmente un acordo que, insiste Núñez Feijoo, é froito da "responsabilidade" maioritariamente demostrada por representantes sociais, sindicais e políticos.

Unha "unión solvente, posíbel e necesaria que responde aos intereses de Galiza", insistiu Feijoo, aludindo á complexidade do proceso e avaliando que o que durante anos foi unha competencia histórica entre Caixa Galicia e Caixanova será a partir de agora unha "histórica unidade". Na súa declaración institucional, o mandatario cualificou o acordo de exemplo de "galeguismo de cooperación entre entidades e territorios" e prognosticou que a fusión será unha ferramenta engadida na loita contra a crise.

"O argumento que máis debía pesar era común: que Galiza permaneza no mapa financeiro español", afirmou o xefe do executivo. Explicou Feijoo que os membros das dúas caixas "tiñan argumentos" abondo para pediren máis cota para cadansúa leira, mais asegurou que finalmente se impuxera un acordo "xeneroso, equilibrado e paritario" onde os representantes das entidades "renunciaron" ás súas máximas aspiracións en beneficio do consenso.

Reparto de cota de poder
A última maratón negociadora, con presión engadida desde a Xunta e advertencia do Banco de España, acelerou finalmente o proceso. Durante a mañá desta terza feira os respectivos consellos de administración de Caixa Galicia e Caixanova outorgáronlle a beizón ao preacordo acadado polos negociadores. A cota de poder foi a clave para desatrancar o proceso neste chanzo final.

A futura entidade terá un consello de administración paritario en canto á representación das actuais caixas, mais calquera empate resolveríao o voto de calidade do presidente, cargo que finalmente apañaría o actual presidente de Caixanova, Xulio Fernández Gayoso. Iso si, en principio trataríase dunha presidencia de quenda con caducidade ao cabo de ano e medio.

Segundo explicou o presidente da Xunta, a caixa será paritaria tanto no que toca aos seus órganos de goberno como á propia sede da entidade fusionada. Todas as comisións terán igual número de membros procedentes de cada unha das actuais caixas de aforros, cunha composición similar na comisión de control, na asemblea xeral e no consello de administración. Feijoo expuxo ademais que haberá un sistema de copresidencias, durante o período transitorio de tres anos estabelecido para a fusión. Confirmou tamén Alberto Núñez Feijoo que na cúpula haberá un director xeral e un executivo adxunto (cargos para os que soan respectivamente Xosé Luís Pego, actual director xeral de Caixanova, e Xavier García Paredes, director xeral adxunto en Caixa Galicia). A futura entidade terá ademais consellos territoriais na Coruña e Vigo. A sede social será na cidade herculina e a institucional e comercial na cidade olívica.

"Cómpre convidar os reticentes a que colaboren na tarefa de creación desta gran institución por e para Galiza", deixou caer tamén o presidente da Xunta, chamando a iniciar "unha nova etapa no camiño da cooperación".


Ligazóns

3,71/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: