Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
O TREINADOR VENEZUELANO DAS GRANDES LIGAS

Boicote ao Xogo das Estrelas en protesto pola lei xenófoba de Arizona

O venezuelano Oswaldo Guillén, ex xogador das Grandes Ligas e na actualidade treinador dos Chicago White Sox, cidadán estadounidense desde 2006, pronunciouse contra a lei migratoria do estado de Arizona e asegurou que non xogará nese estado por respecto e apoio aos inmigrantes en EUA.

Xurxo Martínez Crespo - 08:56 09/05/2010
Oswaldo Guillén

Oswaldo Guillén

De tocarlle ir ao Xogo de Estrelas de 2011 en Arizona, Oswaldo Guillén no aceptará as tarefas de treinador, como rexeitamento público á nova lei estatal contra a inmigración ilegal.

"Non. Sabedes por qué? Por que eu debo respectar á xente que me sigue'', declarou o treinador venezuelano dos Medias Brancas de Chicago aos media de prensa hispanos. "Como latinoamericano, obviamente, teño que apoiar á nosa xente''.

Guillén, que en 2006 adquiriu á cidadanía estadounidense, atacou á lei promulgada hai dúas semanas e defendeu os dereitos dos inmigrantes.

O Xogo de Estrelas do ano 2011 terá como sede o Chase Field en Phoenix, sede da equipa local de béisbol os Diamondbacks de Arizona.

Guillén, ademais, rexeitou asistir a un clásico de béisbol (a metade de temporada) a causa da lei; o fiscal xeral de San Francisco, un congresista de New York e organizacións de activistas pediron ao ex xogador de Grandes Ligas que faga un boicote ao xogo en Arizona a menos que se revogue a lei. Asemade, o sindicato de peloteiros deplorou a lei.

"Estes xogadores internacionais son parte integral do noso pasatempo nacional e son membros importantes da nosa asociación'', declarou Michael Weiner, segundo un comunicado do sindicato. Segundo as cifras de Grandes Ligas, case o 30% dos xogadores das 30 equipas  nasceron no estranxeiro e a grande maioría son de orixe latinoamericana.

Weiner indicou que a lei podería obrigar aos xogadores estranxeiros e familiares a ter que demostrar a súa situación legal migratoria en todo momento, malia atoparse legalmente no país.

"Esta lei tamén pode afectar a xogadores que son cidadáns estadounidenses pero que collen baixo a sospeita das autoridades por ser de ascendencia estranxeira''.   

Guillén advertiu sobre a posibilidade dun boicote ao béisbol en Arizona, onde a metade das equipas teñen as súas sedes de pretemporada: "acho que os peloteiros van dicer que 'nós non imos xogar aquí en Arizona por determinado motivo, ou que nós o ano que vén non imos aos adestramentos en Arizona'''. Para Guillén, os deportistas deben solidarizarse coa causa dunha reforma migratoria: "Son cousas que nós como seres humanos, que viñemos a este país a facer diñeiro, a traballar, temos que apoiar... pídolle a todos os deportistas que se unan a isto. Hoxe é outro, mañá poderás ser ti ou a túa familia''.

As protestas contra a lei espalláronse ao béisbol cando uns 40 activistas polos dereitos dos inmigrantes reuníronse fronte ao Wrigley Field en Chicago no primeiro dunha serie de catro partidos de béisbol dos Cadelos (Chicago Cubs) fronte aos Diamondbacks. Os Cadelos teñen en Mesa, Arizona, a súa sede de adestramentos de primavera.

"Esta é unha cousa moi delicada'', dixo Guillén ao defender aos inmigrantes. "O meu medo é que isto vaia espallarse a outros estados. Acho que están xogando con lume''. "Quixese ver este país como funcionaría sen inmigrantes'' sentenciou Guillén.


Ligazóns

3,29/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: