Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSiCIÓNS NO MACBA

Non facer arte aburrida, palabra e imaxe: da literatura á arte conceptual

Non sempre os artistas plásticos andan aos tombos coa linguaxe. Neste caso si, e por partida dobre. Cal é, xa que logo, a mensaxe?

Lito Caramés - 20:35 05/05/2010

No Museu d'Art Contemporani de Barcelona (MACBA) pódense ver agora dúas mostras antolóxicas de dous artistas realmente contemporáneos (están vivos): John Baldessari e Rodney Graham. Dous xeitos diferentes de transitar polos vieiros artísticos, por teimas que en máis dunha creación atopan respostas similares.

I Will Not Make Any More Boring Art.

Máis de 130 obras baixo o título de John Baldessari: Pura Belleza. A maior exposición retrospectiva que se ten dedicado a este peculiar artista, nacido en National City, California, preto de Los Ángeles. Baldessari deu un tombo á súa carreira artística en 1970. Ese ano decidiu queimar toda a súa obra anterior (Cremation Project, 1970) e fíxoo con testemuñas, con urna e con necrolóxica no San Diego Union, para deixar constancia (as obras anteriores a ese ano que se poden ver no MACBA xa llelas mercaran amigos, ou estaban na casa da súa irmá).

Desde entón interesoulle moito usar a linguaxe como o medio para ironizar a arte e os artistas. Subverter as convencións. Dise del que é un dos creadores da arte conceptual, por canto as palabras ou frases albergan ideas. Ese xogo coa palabra e a imaxe que tan ben ilustrara René Magritte: Ceci n'est pas une pipe. Pero moitas das súas obras escoran polos vieiros do Pop Art. Tal é o caso de God Nose (nariz de deus), obra na que xoga co paradoxo e mais co humor para así darlles sentido ás imaxes e mais ás palabras do título. A diferencia con Warhol e outros artistas pop radica en que usa a estética pop para ser mordaz coa realidade e cos propios creadores. Unha das súas frases, cando se lle comenta que é un dos artistas máis influínte da actualidade e con máis popularidade, é: “Non sei que é o que estou a facer mal”. Tamén ten moitos problemas cando se lle pide que defina “arte”. Di que non sabe, que a única resposta que se lle ocorre é que é “un alimento que sacia unha necesidade espiritual”. E, mentres se anota esta resposta xenérica, remata “sempre procurei ser un non-artista.” De onde lle virá tanta retranca?

Despois da queima usou e usa moito o vídeo a mais a fotografía. O vídeo para escribir que non fará arte aburrido ou para moverse diante da cámara repetindo certos xestos, como se estivese emitindo mensaxes (moi na liña de MacLuhan). Coas fotos fai montaxes nas que mestura fotogramas de películas perfectamente identificables con pinturas, con formas xeométricas simples que vai sobrepondo estratexicamente aos fotogramas. E sempre busca ilustrar accións sinxelas, cotiás, que non teñen nada de extraordinarias: cambiar de sombreiro en cada foto, golpear obxectos... Nun dos vídeos repite, pousón, movementos de brazo, de perna e corpo, mentres vocaliza I am making art. Noutro escribe nunha folla, e noutra, e noutra I Will Not Make Any More Boring Art (Non volverei facer arte aburrida).

As súas experimentacións non teñen paraxe. No ano 1969 observou que nun mapa de California as letras do estado (CALIFORNIA) estaban espalladas ao longo do seu territorio, e decidiu que buscaría os lugares exactos onde estaban as letras e reproducirías sobre o chan co tamaño que, a escala, saían no mapa. E alá se foi a facer Land art. O resultado é o “California Map Project”, dez fotos onde se poden ver as dez letras nos sitios que aparecían no mapa. Iso si, non puido facelas ao mesmo tamaño, sairíanse da foto.

Trough the Forest

Ao tempo, o MACBA mostra 250 obras do canadense Rodney Graham, outro artista moi interesado na linguaxe, nos libros e mais na fotografía. O título, Trough the Forest, é unha boa pista do contido: é unha frase que se repite no texto dun libro e fai referencia a ese tema tan habitual nos contos de perderse no bosque. O libro é usado como obxecto: un estante colgado no medio dunha sala para as obras completas de Sigmund Freud (Freud Supplement).

A súa temática é coñecer e experimentar os procesos fotográficos que converten os obxectos en imaxes autónomas, con significados diferentes. Rheinmetall/Victoria 8 (2003) é un bo exemplo. Mercou unha vella máquina de escribir dos anos trinta e fotografa tal cal, limpa e disposta a reproducir textos. Logo vaina recubrindo de fariña e retratándoa, até que a máquina desaparece baixo a capa branca de fariña. A desaparición da escrita? A morte da literatura?

En vídeo fai cousas parecidas. Na instalación Lobbing Patatoes at the Gong (1969), Graham parodia a un grupo de música rock que, nunha actuación gravada, tiraba patacas a un gong. Neste vídeo o artista fai o mesmo (con público). E logo (e esta é a parte orixinal) Graham fai vodka coas patacas, traslada o significado, altera a literalidade.

Paralelamente, no Museu Picasso preséntase Possible Abstractions, unha serie de obras creadas á mantenta para esta mostra do MACBA que teñen como antecedente outra serie de telas que Graham elaborou en 2005 para a súa galería de Berlín: Picasso, My Master. As novas obras están baseadas nunha banda deseñada na que dúas persoas miran unha pintura abstracta e tratan de pescudar cal pode ser o significado.

EXPOSICIÓNS:

John Baldessari: Pura Belleza
Rodney Graham, Trough the Forest


MACBA

Horario: de luns a venres, de 11 a 19.30 h; sábados, de 10 a 20 h; domingos e festivos, de 10 a 15 h. Martes pechado.


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Baldessari. God Nose, 1965
Baldessari. God Nose, 1965
Graham. Rheinmetall / Victoria 8, 2003
Graham. Rheinmetall / Victoria 8, 2003
Baldessari. I Will Not Make Any More Boring Art, 1971
Baldessari. I Will Not Make Any More Boring Art, 1971
Graham. Lucus a non lucendo, 1987
Graham. Lucus a non lucendo, 1987
Baldessari. Heel, 1986
Baldessari. Heel, 1986
Graham. Possible Abstractions, 2009
Graham. Possible Abstractions, 2009
Baldessari. The Artist Hitting Various Objects with a Golf Club, 1972-73
Baldessari. The Artist Hitting Various Objects with a Golf Club, 1972-73