Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A súa morte precedeu á de Iugoslavia

Saudade de Tito

Belgrado (Serbia), Kumorvec (Croacia) ou Sarajevo (Bosnia) acolleron actos este martes para lembrar a figura do mariscal Josip Broz, no seu 30º cabodano.

Fernando Arrizado - 13:00 05/05/2010
Ofrenda floral, este martes

Ofrenda floral, este martes

A morte de Tito o 4 de maio de 1980 ás 15.05 horas no Centro Clínico de Ljubljana causou unha gran conmoción en toda Iugoslavia. Uns 700 mil cidadáns participaron no seu funeral, así como 209 delegacións de 128 países do mundo, incluídos 31 presidentes, 22 primeiros ministros e catro reis.

De levantar a cabeza este martes, 30 anos despois da súa morte, dificilmente recoñecería a súa 'filla', a República Federal Socialista de Iugoslavia, nacida logo dun doloroso 'parto': anos de loita á fronte dos guerrilleiros partisanos para liberar a súa terra do xugo nazi.

Malia que a dialéctica sobre a súa figura durante os 35 anos que gobernou o país aínda está presente, cada vez son máis os cidadáns -especialmente nas ex repúblicas máis pobres e desfavorecidas coa disolución da federación, non tanto nas ricas Croacia e Eslovenia- que expresan saudade de Tito.

Josip Broz -o seu nome de berce- é reivindicado nos muros das cidades, como Sarajevo, que máis sufriron polas sucesivas guerras e pola violencia étnica na década de 1990. Tamén en camisetas, que visten os mozos pola rúa, ou en souvenirs para os turistas.

Precisamente, Bosnia-Herzegovina está a revivir nos últimos tempos esas tensións. E a independencia da provincia serbia de Kosovo supuxo unha nova navallada nos xa desangrados Balcáns.

Fóra de análises profundas sobre a súa xestión, o certo é que o mariscal Tito -título militar polo que era coñecido- foi quen de manter entre todas as repúblicas o equilibrio social, étnico e económico, a pesar das acusacións de 'centralismo' serbio neste último eido. No en van, segundo defenden moitos, a súa marcha foi o primeiro acto da tráxica morte de Iugoslavia.

Actos de conmemoración
Na Kuca Cveca ("Casa das Flores"), o lugar en Belgrado en que foi enterrado o seu corpo e onde tamén se levanta o Museo da Historia de Iugoslavia, realizouse este martes o acto de conmemoración do cabodano do seu pasamento, informa B92.

Tamén na vila croata de Kumorvec, onde Tito naceu, a Asociación Antifascista de Croacia recordou a súa figura facendo soar as sereas á hora oficial da súa morte. E en Sarajevo, a Asociación Josip Broz Tito "congregou novos e maiores" fronte ao monumento ao mariscal, no campus universitario.

Nun outro acto nesta mesma cidade, segundo Balkan Insight, o membro croata da presidencia tripartita en Bosnia, Zeljko Komsic, afirmou: "Polo que estamos a loitar é por reconstruír Bosnia tomando o modelo deseñado por Tito, polo Partido Comunista e por todos os antifascistas".


4,47/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: