Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Economía

Menos Goberno e máis Administración

Interesante reflexión de Pedro Pedrouzo Devesa sobre o papel do político á fronte da administración.

Pedro Pedrouzo Devesa - 15:47 28/04/2010
Tags:

Segundo se fai máis acentuada a recesión económica que vivimos, máis necesario se fai tamén cavilar nas posibles formas de saír dela. Os distintos gobernos presentan medidas de austeridade como forma principal de combatir a crise. Porén, o recorte de gasto público non é unha solución, senón unha consecuencia da crise. Non rebaixamos o gasto público para saír da crise, senón porque non temos máis remedio. Facer da necesidade virtude é unha hábil estratexia política, pero non aporta as solucións necesarias.


Tampouco é moi acertado argumentar simplemente que se reducen os gastos de funcionamento. Porque, se eran superfluos, por que existían? Se non eran indispensables, que sentido tiña utilizalos? Só se poden reducir os gastos de dúas formas: ou comprando menos, ou pagando menos polo que se compra. Se compramos menos, por que antes comprabamos máis? Era ou non era necesario? Se pagamos menos, por que antes pagabamos máis? 


O Goberno vive en gran medida coa ilusión de que todo gasto é bo, porque vai parar sempre a algún cidadán, e por tanto activa a economía. Pero non todos os euros públicos gastados teñen a mesma repercusión na economía. Afinar a utilidade social de cada euro é misión do político; descubrir, elixir e arredar as verdadeiras necesidades das comenencias económicas é un requisito esencial para que a Administración contribúa a saír da crise. Os responsables políticos deberían preguntarse constantemente: que efecto real teñen na sociedade os euros que gasto?


Vivimos xestionados por gobernos mediáticos, que rara vez se ocupan de poñer sentido á organización administrativa para servir mellor aos cidadáns. Calquera empresa necesita un departamento organizativo e outro comercial. Demasiadas veces a Administración pública desaparece e o Goberno asume única e exclusivamente o departamento comercial, esquecendo que a inercia é tan cómoda como pésima compañeira. O mal gobernante atrapado polo seu gabinete alimenta o estrabismo mediático, e ignora que para que unha máquina funcione realmente ben, debe estar ben engraxada, ben organizada. 

Non abonda con gastar menos (porque non se pode gastar o que non se ten): cómpre aumentar a rendibilidade social dunha máquina laberíntica que é lenta, pesada, ineficaz e fundamental para unha sociedade sana e própera. Necesitamos máis Administración e menos Goberno. Pero, ai!, iso doe.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: