Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Iván Prado, director do Festiclown

"Temos vetada a entrada a Israel durante os vindeiros cinco anos"

El e maila súa compañeira de viaxe -galega de apelido árabe- foron interrogados por seis horas -"sen acusación, nin avogado, nin tradutor"- e finalmente repatriados.

Fernando Arrizado - 10:15 28/04/2010
Iván Prado, en Palestina en 2009

Iván Prado, en Palestina en 2009

Iván Prado, director do Festiclown (Festival Internacional de Clown de Galiza), e a súa compañeira de viaxe, Laila T.Q. -galega de pai árabe-, sufriron nas súas carnes a situación que viven a diario milleiros de palestinos no Estado de Israel, privados dos seus dereitos e liberdades.

Viaxaban a Palestina coa intención de preparar o Festiclown Palestina 2010, previsto para o mes de outubro, entre os días 25 e 31, en Cisxordania. Prado e Laila aterraban este luns no aeroporto de Ben Gurion, en Tel Aviv, para se desprazar posteriormente aos territorios palestinos. Fin do camiño, decretaron as autoridades israelís.

Falamos con Iván Prado (Lugo, 1974), actualmente en Barcelona, que considera que a expulsión "inxustificada mostra a vontade das autoridades israelís por paralizar o proxecto", concibido após a última caravana de Pallasos en Rebeldía ás cidades de Ramala e Nablús en 2009.


Vieiros: Que foi que pasou?
Iván Prado: Detivéronos no control de pasaportes así que viron que Laila, que me acompañaba para facer de tradutora, tiña apelido árabe. Colléronnos a documentación e despois de seis horas de interrogatorio decidiron expulsarnos do país argumentando "seguridade nacional". Metéronnos nun avión sen os pasaportes e este martes aterramos en Madrid.

Como foron esas seis horas?

Mantivéronos illados e separados toda a noite en calabozos dun centro de detención de inmigrantes, sen nos facilitar nin un avogado nin un tradutor, e sen nos acusar de nada. Pasáronnos dun cuarto a outro e de interrogador a interrogador, facéndonos preguntas estúpidas como "a quen coñeciamos en Palestina", "a que nos dedicabamos en Galiza" ou "canto cobrabamos".

Tedes previsto voltar?

En principio, non podemos entrar en Israel durante os vindeiros cinco anos, mais eu teño que regresar para dirixir o Festiclown. A verdade, non sei como vou facer. O que si esta claro é que imos seguir adiante co proxecto.


O grupo participante na caravana de 2009 desenvolveu talleres de clown e risoterapia dos que se beneficiaron ao redor dun milleiro de persoas, principalmente nenos, adolescentes e mulleres maltratadas.

No festival deste ano, informan desde a organización, estaban previstas visitas a campamentos de refuxiados, accións artísticas contra o muro, talleres, galas e encontros.

Destacadas figuras do panorama artístico internacional apoian o proxecto, entre outros, Leo Bassi e Amparanoia, os artistas circenses Elliot e Alba Sarraute ou o mago Jorge Blas.


4.54/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: