Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Política lingüística

Os grupos parlamentarios polemizan sobre o suposto gasto dun millón de euros en publicitar o decreto do galego

Desde o PPdeG din descoñecer a contía, mais defenden a campaña como "necesaria" para "clarificar informacións que non foron as axeitadas".

Redacción - 17:30 06/04/2010
A Xunta fará unha campaña

A Xunta fará unha campaña

Os grupos da oposición no Parlamento, PSdeG e BNG, censuraron que a Xunta desenvolva unha campaña de promoción do novo decreto do galego na que, segundo informa Xornal de Galicia este martes, o Goberno gastará un millón de euros para a levar a cabo.

Após a Xunta de Portavoces e preguntados por este asunto nas súas respectivas conferencias de prensa, os representantes da oposición, Xaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Carlos Aymerich (BNG) reprobaron a previsión do Executivo, mentres que o voceiro do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, dixo que é "moi importante" informar dun asunto que "influirá na educación dos nenos galegos".

Fernández Leiceaga sinalou que destinar un millón de euros a este fin é "excesivo", e considerou que "tería moito máis sentido promocionar o uso do galego". Así mesmo, concluíu que "cando se necesita tanta publicidade" para unha medida, significa que a sociedade "non está de acordo" con esa actuación do Goberno.

"Debe estar mal esa noticia!, non, non o creo, Feijoo sempre cumpre coas súas promesas", repondeu con sorna Aymerich pola súa banda, tras referirse ao compromiso do actual presidente da Xunta en campaña electoral, cando era candidato, de "propaganda cero".

"Clarificar informacións non axeitadas", di o PPdeG
Ruíz Rivas dixo non coñecer a contía que se destinará a esta campaña, aínda que a defendeu como "necesaria". E neste caso, máis "necesaria" para -dixo- "clarificar as informacións aos destinatarios que non foron as axeitadas".

Cuestionado por sobre quen recae a responsabilidade de que os cidadáns supostamente non percibisen a información correcta sobre o decreto, Ruiz Rivas reivindicou que "a parte que puidese ter o Goberno" está liquidada, porque "fai os seus deberes" con esta campaña.

"Houbo persoas destacadas -en referencia velada aos socialistas- que defendían o equilibrio das linguas, e agora non son quen de o defender". Neste senso, sostivo que pode haber xente que pense que non existe esa equidade e, por iso, cómpre "clarificalo", sentenciou.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: