Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÍTICA AGRARIA COMÚN

O futuro do leite, a debate en Europa

O Sindicato Labrego Galego defende na conferencia consultiva da Comisión Europea o mantemento do control da produción leiteira.

Redacción - 10:00 27/03/2010
Lidia Senra, nun momento da súa intervención en Bruxelas

Lidia Senra, nun momento da súa intervención en Bruxelas

“Cal é o futuro do leite?” Este é o interrogante baixo o que se enmarcou a celebración en Bruxelas dunha conferencia consultiva da Comisión Europea coa vista posta na vindeira reforma da Política Agraria Común (PAC). A secretaria de Organización do Sindicato Labrego Galego (SLG), Lidia Senra, defendeu coma cuestión central o mantemento do control da produción logo do 2015, adaptando o volume de produción en aras da equiparación de oferta e demanda na UE.

Concentración da produción
Senra, que participou en representación da Coordenadora Europea Vía Campesina, da que é membro o Sindicato Labrego, tamén subliñou a “necesaria redistribución do dereito a producir entre as distintas áreas do territorio europeo, co obxectivo de rematar cunha situación inxusta que está a afectar moi negativamente aos países do centro e sur de Europa”. Asemade defende que “é imprescindíbel por fin á concentración da produción en explotacións cada vez máis industriais e intensivas”.

Contrato homologado
En canto ás cuestións vinculadas ás relacións contractuais, poder de negociación e transparencia no sector leiteiro, a Coordenadora Europea Vía Campesina asosou o seu desacordo coa proposta de substituír o control da produción exercito até o de agora mediante o sistema de cotas, polo asinamento de contratos privados coas industrias. Senra reiterou que os contratos no sector leiteiro só teñen utilidade para os gandeiros se se dan nun contexto de produción regulada e previa unha negociación colectiva de prezos de cubran custos de produción e traballo.

Transparencia na cadea alimentaria
Lidia Senra defendeu a necesidade de que se estenda a transparencia dende o principio até o final da cadea alimentar, para o que considerou necesario realizar unha regulación das marxes comerciais que limite o beneficio da distribución e a industria, garantindo os consumidores que non se está a especular cos produtos alimentares. Así, demandou que a prohibición de vender por debaixo de custes de produción, arestora só vixente para a distribución, sexa aplicada tamén no prezo pagado en orixe.

Críticas ao Goberno
Doutra banda, o SLG lamentou a pouca ambición da Xunta no documento que presentou no marco do Consello Agrario de Galiza, que “dista moito”, din, “de contar coa valentía que precisamos para a creación dun marco regulador europeo xusto para produtores e consumidores”. Entenden que o texto presentado como borrador se limita a “propostas continuistas do modelo de política agraria actual, obviando as nefastas consecuencias que leva canda si”.

Denuncian que o Goberno segue a falar de mercado internacional, de contratos homologados sen prezo e, sobre todo, de axudas directas ás explotacións, cuestión na que o SLG está de acordo nalgúns aspectos, din, mis totalmente en contra de que sexa unha cuestión central na PAC. O Sindicato Labrego cre que o principal tería que ser a “elaboración de medidas que incidan na garantía de prezos ao sector produtor, en aras do mantemento de explotacións agrarias e subministro de alimentos na Galiza e na UE”.


Ligazóns

4.2/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: