Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INCENDIOS FORESTAIS

Pasos para privatizar a loita contra o lume

Unha empresa privada asumirá traballos de coordinación e deseño dos plans de extinción. A Xunta nega que esta cesión de funcións sexa novidosa.

Isabel G. Couso - 14:30 24/03/2010

A vaga de lumes forestais que devastou Galiza hai xa catro anos converteu a extinción de incendios e a súa xestión en tema sensíbel e prioridade política, amáis de mediática. Moito ten mudado a estratexia galega perante o lume ao longo dos anos e dos múltiples organismos creados para a extinción. Porén, os sindicatos denuncian agora o que consideran unha privatización inédita nos servizos de extinción que non ten precedentes nin nos tempos do Icona, nin do Infoga, do Pladiga ou de Seaga: a Consellaría de Medio Rural abriu un proceso para contratar unha empresa que terá competencias para a planificación da prevención do lume e para a coordinación dos medios terrestres e aéreos de extinción.

Que asumirán empresas privadas?
En concreto, o prego de condicións detalla a contratación dun total de 20 enxeñeiros forestais e asesores que se repartirían do seguinte xeito: catro destinaríanse á planificación estratéxica da prevención e defensa contra os incendios forestais; seis á elaboración de plans de extinción de incendios; e os últimos 10 á coordinación de medios aéreos. A contratación estenderíase por dous anos e tería un custe para a Xunta de máis de 450 mil euros.

A particularidade desta externalización estriba en que estes traballos anteriormente eran exercidos por enxeñeiros forestais da Xunta, é dicir, funcionarios do grupo A que teñen xa unha contrastada experiencia neste eido. O secretario nacional da Federación de Servizos da CIG, Paulo Rubido, confirmou a Vieiros que a central sindical xa esta a estudar unha posíbel impugnación deste procedemento, ao consideralo unha cesión ilegal de traballadores.

Entenden así que se estaría a privatizar un traballo que anteriormente realizaba a propia Xunta polo que, ademais de duplicar o persoal e, en consecuencia o gasto, se estaría incorrendo nunha ilegalidade. Asemade lamentan este “paso adiante” cara a privatización completa do servizo, cando “ningún goberno anteriormente se atrevera a privatizar a propia xestión”, o que na práctica se traducirá en que “sexan empresas privadas as que deseñen programas que executarán traballadores públicos”.

A Xunta desménteo
A Consellaría de Medio Rural asegura que a cesión deste tipo de funcións a empresas privadas non é inédito, xa que “usar unha asistencia técnica para estes traballos é unha práctica habitual”. Dende o gabinete que dirixe Samuel Juárez explican que o único obxectivo deste procedemento é o de “completar e optimizar a prevención” e chegar até onde non alcanza o persoal propio da Xunta e de Seaga, argumentando que “sería imposíbel un servizo de extinción completamente público porque serían necesarios uns 30 mil traballadores públicos no monte, o que non é asumíbel por ningún corpo da Xunta de Galiza, agás o Sergas”. Deste xeito, nega que se estea a deixar en mans privadas a xestión ou planificación da extinción dos incendios e subliña que, en todo caso, a última responsabilidade seguirá a estar nas mans da Dirección Xeral de Montes.

O que fora director xeral de Montes co executivo bipartito, Alberte Blanco (BNG), explica que no anterior Goberno a única función vencellada coa extinción de incendios que asumían empresas privadas era o da coordinación das bases aéreas, por mor da súa dificultade loxística e a falta de experiencia da administración galega neste eido. Con todo, estas funcións foron trasladándose paulatinamente a Seaga.

Este paso dado agora pola Xunta súmase ás continuas denuncias por parte do comité de empresa de Seaga, que acusaron ao goberno de privatizar outras labores como o desbroce e limpeza de montes. Tamén seguen a denunciar o que consideran unha “limpeza do persoal” despedindo traballadores “para seren simplemente substituídos por outros”.

  • Podes ler aquí as bases do Prego do Concurso (Prescricións Técnicas da Proposta de Contratación dun Servizo de Optimización da Prevención de Incendios Forestais)


4.55/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Co anterior goberno bipartito só se externalizaba parte da coordinación das bases aéreas
Co anterior goberno bipartito só se externalizaba parte da coordinación das bases aéreas
A Xunta argumenta que "a última responsabilidade seguirá sendo da Dirección Xeral de Montes"
A Xunta argumenta que "a última responsabilidade seguirá sendo da Dirección Xeral de Montes"