Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SECTOR LÁCTEO

Contrato homologado: crónica dun fracaso

Oito meses despois da adopción deste modelo para a compravenda do leite só o asinaron 8% dos gandeiros, que perciben o mesmo prezo de entón: 27 céntimos por litro.

Isabel G. Couso - 17:40 18/03/2010

Alá van xa oito meses dende que no pasado verán botase a andar o contrato homologado, un novo marco legal para a compravenda do leite asinado por sindicatos agrarios (todos agás o SLG), industria transformadora e empresas distribuidoras. A que ía ser a solución a todos os problemas dos gandeiros quedou, á fin e ao cabo, nun reduto testemuñal do que só tomaron parte a día de hoxe un total de un milleiro das 12 mil explotacións coas que conta o país.

As cifras confirmounas o goberno español nunha resposta á unha pregunta do BNG no Congreso. Mentres no Estado Español os contratos homologados cobren o 20% da produción láctea, en Galiza a media non depara máis dun 8%, é dicir, só un de cada 12 gandeiros ten asinado a día de hoxe un compromiso de recollida coa industria. Aínda máis, deste total máis da metade (sobre uns 800 contratos) foron asinados por cooperativas, na súa maioría Feiraco, polo que o acordo daríalles aos asinantes a dobre condición de contratados e patróns.

Mellorou algo?
Malia anunciarse como un necesario “marco estábel no que traballar” nun contexto de palpábel crise láctea, voces como a do Sindicato Labrego (SLG) exixiron dende un principio unha fixación dun prezo mínimo como requisito indispensábel para resolver o problema do agro. Porén, logo de que este punto fose considerado ilegal polo Goberno e inasumíbel pola industria, os prezos que se pagan hoxe polo litro de leite non distan dos que se pagaban no momento da sinatura do acordo.

A evolución da cotización do litro do leite non revela grandes mudanzas: se en xullo de 2009 o litro de leite se pagaba en Galiza a 27 céntimos, agora segue a situarse nos 26-27 céntimos (mentres a media no Estado Español é de 31 céntimos), unhas cifras que seguen sen cubrir os custos de produción dos gandeiros. Con todo, aínda hai grandes diferenzas entre o que pagan unhas e outras industrias (por exemplo Pascual paga por enriba dos 30 céntimos, mentres Leite Río o fai por debaixo dos 25).

Hai aínda marxe?
Tanto o goberno español como a Xunta dirixen a súa mirada cara a industria. Dende a Consellaría de Medio Rural, o seu director xeral de Produción Agropecuaria reclamaba hai uns días das empresas que promovan máis contratos para “contribuír ao artellamento co resto de socios empresariais que lles permita amortecer os vaivéns do mercado”. Tamén os sindicatos Unións Agrarias (UUAA) e Xóvenes Agricultores (XXAA) poñen as industrias no punto de mira á hora de buscar culpábeis, mentres que o SLG reitera que a solución á crise láctea non virá nunca da man dun mercado liberalizado.

O secretario xeral de XXAA, Francisco Bello, subliñou á saída da última Mesa do Leite que “de nada serve chegar a acordos que despois non se respectan” e lamentou que “a situación dos gandeiros, lonxe de mellorar empeora cada día”. Pola súa parte, Roberto García (UUAA) tamén denuncia a “falta de vontade” por parte das empresas. No seu caso, reclaman melloras como maior duración dos contratos, estabelecemento de prezos trimestrais, garantías de recollida e que se estabelezan “unhas regras de xogo claras, coñecidas e respectadas por todos”.

Para Carme Freire, secretaria xeral do SLG, o problema segue a ser o mesmo: “o contrato homologado non ofrece garantías ningunha, os gandeiros seguen percibindo o prezo que estime a industria e a experiencia amosoulle aos propietarios das explotacións que non foi solución ningunha aos nosos problemas”, explica ao tempo que subliña que “só serviu para sacarnos da rúa”. En desacordo co propio modelo, entende que as solucións deberían vir por outras fórmulas, entre as que considera prioritario, outra vez, a fixación dun prezo mínimo prefixado.

Entre as vías que se abren no futuro, Freire subliña a reforma da Política Agraria Común (PAC) prevista para o 2013. Das negociacións considera fundamental que saian dous principais eixos nos que basear toda a política agraria: o control da produción “que impida que os grandes especuladores poidan xogar coa sobreprodución para baixar os prezos ao seu gusto”; e o control dos mercados, entendido como “unha vixilancia activa sobre as marxes comerciais, non seguir afondando na liberalización, mantemento dos aranceis que impiden a importación de leite máis barato e maiores mecanismos de intervención”.


Ligazóns

4.89/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Administración e sindicatos asinantes culpan á industria da falta de implantación dos contratos homologados
Administración e sindicatos asinantes culpan á industria da falta de implantación dos contratos homologados
O Sindicato Labrego Galego amosouse dende un comezo contrario aos contratos homologados se non incluían un prezo mínimo
O Sindicato Labrego Galego amosouse dende un comezo contrario aos contratos homologados se non incluían un prezo mínimo