Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Polémico texto

Sindicatos, colectivos sociais e partidos rexeitan o decreto

Só o propio PPdeG considera que o anteproxecto é "equilibrado", mentres o PSdeG ou Queremos Galego anuncian mobilizacións.

Redacción - 19:28 13/03/2010

A CIG-Ensino rexeitou as decreto presentado este sábado pola Consellaría de Educación e denunciou que as súas liñas xerais están "ideadas para afastar o noso idioma dos centos de ensino". Cualificou a proposta de "retroceso sen precedentes", polo feito de que, por primeira vez, un Goberno "atenta abertamente contra o proceso de normalización na educación" mediante "un retroceso" con respecto á normativa anterior, ademais de fixar "por primeira vez" a obriga de impartir materias en castelán.

A central sindical lembrou que seguirá a exixir que non se produza un retroceso na presenza da lingua, polo que desenvolve unha campaña, no seo da plataforma Queremos Galego, para que o profesorado declare a súa vontade de seguir a dar as clases en galego.

Para o STEG, o contido do decreto é "rexeitábel dende o punto de vista pedagóxico e político", ademais de ter sido presentado dun xeito inoportuno. Lembra que a norma deberá pasar pola Mesa Sectorial, onde espera que haxa consenso sobre que o decreto "rebaixará a competencia lingüística do galego entre o noso alumnado", que "vai xerar conflitos e numerosos problemas de xestión nos centros", polo que anunciou que apoiará o profesorado que exerza "a obxección de conciencia ante esta prohibición para ensinar en galego".

Así mesmo, o STEG amosou a súa oposición a que as nais e os pais lles impoñan a outras nais e pais a lingua de uso durante tres cursos, que cualificou como "aberrante" e que permite "a elección do analfabetismo lingüístico e xerando desigualdade".

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, acusou o presidente da Xunta de "consumar a maior afronta declarando o galego idioma hostil en Galiza" e de ser "o principal adversario das políticas sociais atacando a educación". Vázquez fíxolles un chamamento aos socialistas galegos a non permitir este "ataque" e a "mobilizarnos, traballar e defender que non é impune atacar o noso sinal de identidade".

Para o secretario xeral do PPdeG e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, o decreto "pretende garantir o equilibrio entre as dúas linguas oficiais" e introducir unha terceira, "exactamente o contrario" do que fixera o anterior Goberno, que "non escoitou nin a sociedade nin os interesados para tomar unha decisión que foi maioritariamente contestada pola sociedade galega".

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, declarou que "é máis que evidente que o decreto anterior vixente no ensino público non creou ningún problema", polo que admitiu que "non hai ningunha necesidade dun novo decreto, e menos dun que camiña na dirección do PPdeG, que é a de diminuír a presenza do galego no ensino".

Pola súa banda, a plataforma Queremos Galego xa manifestou a súa oposición ao decreto coa concentración de urxencia que tivo en San Caetano ao tempo que se presentaba publicamente o texto, e á que asistiron arredor de dúas mil persoas. De feito, anunciou novas concentracións o luns ao serán en localidades como Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Compostela, Pontevedra, Ferrol, Vilagarcía, Noia, A Pobra do Caramiñal, Foz, Carballo e A Estrada.

O colectivo Galego Patrimonio da Humanidade tamén fixo pública a súa oposición ao anteproxecto por darlles forma a unhas "bases" que suscitaron "un amplo rexeitamento social, político e institucional", desoíndo o "clamor social". Ademais, afirma que "está elaborado a partir de premisas falaces e coa mira posta en obxectivos alleos" aos da política lingüística. Conclúe que "o que Galiza precisa non son medidas cautelares contra unha fantaseada imposición do galego", senón "un marco lingüístico-educativo e unhas políticas lingüísticas orientadas a alcanzar igualdade entre os dous idiomas oficiais".

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, afirmou que "este decretazo leva o galego 30 anos atrás", pois "convérteo nun coñecemento opcional até que se cumpran os sis anos" e "abre as portas a que se expediente a profesorado por impartir determinadas materias neste idioma". Así, concluíu que o decreto pretende "acelerar a extinción do galego e agora tócalle á sociedade, tanto aos que falan galego como aos que falan castelán, mobilizarse con máis forza para parar este despropósito".

Apunta Callón que "seremos a única comunidade autónoma do Estado con lingua propia diferente do castelán na que se poñan topes para a presenza deste idioma, se impida a súa presenza en determinadas materias e se posibilite que haxa nenos e nenas que non o escoiten na escola até faceren os seis anos". Considera que as liñas avanzadas este sábado son "en todo o fundamental, as mesmiñas" que se anunciaran en decembro e que "foron rexeitadas de forma contundente pola inmensa maioría da sociedade e de forma unánime polas organizacións representativas da comunidade educativa".

Dende a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística xa adiantaron o decreto non vai garantir o equilibrio entre as dúas linguas, xa que a lingua con menos oportunidades (o galego) vai quedar máis desprotexida. Ademais, adiantan que a aplicación do decreto vai ser fonte de múltiples conflitos nos centros educativos.


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: