Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SUBSTITÚE A TABARÉ VÁZQUEZ

Mújica asume a presidencia de Uruguai

Cunha cerimonia protocolaria iníciase o segundo goberno consecutivo de esquerdas. Asistirán presidentes de toda América e o BNG acode como forza convidada.

Redacción - 13:30 01/03/2010
Tabaré Vázquez deixa o cargo, que será asumido por Pepe Mújica

Tabaré Vázquez deixa o cargo, que será asumido por Pepe Mújica

“Agora tócache a ti”, díxolle Tabaré Vázquez ao seu sucesor á fronte do goberno de Uruguai logo de despedirse do cargo coa mítica frase de “Até a vitoria, sempre”. José Mújica asume este luns a presidencia do país nunha cerimonia que contará coa presenza de, polo menos, sete presidentes americanos, ademais da secretaria de Estado dos EUA, Hillary Clinton.

O primeiro presidente frenteamplista da historia de Uruguai rematou o seu mandato cuns niveis excepcionais de aprobacións popular. Ao deixar o cargo, Vázquez despediuse emocionado e agradecido ante unha multitude que o aclamou. Agora o seu sucesor, Pepe Mújica, asumirá o cargo como 52º presidente da República, nunha cerimonia que non rematará até ben iniciada a noite.

Nun encontro con xornalistas e preguntado unha e outra vez polo seu pasado guerrilleiro, Mújica asegurou que segue sendo socialista e recordou que na década dos 60, nun mundo que era distinto, tivo a revolución como modelo, mais non a responsabilidade, que a esquerda agora si aprendeu a exercer.

O BNG, convidado
A portavoz do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, asistirá á cerimonia. Os nacionalistas, que foron convidados entre as delegacións estranxeiras, queren transmitir o seu apoio ao Frente Amplio pola vitoria electoral e unha mensaxe de apoio e afecto. O BNG salienta “os logros que obtivo un goberno de esquerdas, que traballou pola soberanía do país e que foi quen de loitar contra a pobreza e de mellorar a educación a través de plans como o Ceibal”.

Entre os obxectivos deste novo goberno de esquerdas o BNG destaca: “que a economía medre nun 30%, diminuíndo os impostos indirectos, entre eles o IVE, a creación de 200 mil novos postos de traballo, investimentos en portos, aeroportos, ferrocarrís, estradas, parques industriais e tecnolóxicos para facer de Uruguai a Plataforma Loxística do Mercosul”. Tamén a “creación do Banco de Inversión” ou, no eido social, “tratar de erradicar a indixencia e reducir os problemas de vivenda en asentamentos chabolísticos”.


3.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: