Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN NO DHUB

Outumuro, 20 anos revelando moda, 20 anos historiando vestimentas

As fotografías de Manuel Outumuro inauguran a colección de moda do centro de deseño barcelonés. O fotógrafo, que captura faces, busca o seu autorretrato?

Lito Caramés - 08:00 26/02/2010

Manuel Outumuro Conde vén de abrir unha magna exposición: Outumuro. Looks. Vint anys fotografiant moda, no Disseny Hub (DHUB), sito no pazo Marquès de Llió, un de tantos pazos que a rica burguesía baixomedieval tiña na rúa Montcada, a que foi centro económico e social de Barcelona. Trátase dunha escolma de 230 fotografías, ripadas dos seus arquivos de máis de 10.000 negativos, que mostran a variedade estética e o rigor técnico que Manuel destila nos encargos que desde 1990 lle fan as casas de moda, xa con tecnoloxía analóxica, xa en dixital. Segundo manifestou o fotógrafo na presentación, nunca fixo fotos persoais, “as miñas fotos persoais son as que están aquí, nos encargos das empresas de moda”.

A mostra é un percorrido por vinte anos de fotografar moda e alta costura para as mellores revistas (Marie Claire, Elle, Vogue, Fotogramas), para prestixiosas casas de moda e en confabulación coas mellores modelos. Para viaxar polas salas organizáronse as instantáneas en seis ámbitos temáticos e simbólicos: Indrets, Retrats, Blanc i negre, Seqüències, Poses i actituds, Celebrities. A instalación nos altos cuartos do pazo Marqués de Llió é cousa do estudo de Francesc Pons, que fixo un traballo excelente: cada apartado ten unha cor de fondo (tirando a escura) que non molesta e, por contra, resalta as imaxes; nos pasos entre sala e sala chantou un xeito de espellos en túnel que provocan, que fan que o visitante se atope consigo mesmo (prosaica imaxe entre tanta beleza exhibida) e logra rachar, xa que logo, o contido da sala que se acaba de ver e prepara para a seguinte. A súa amiga Isabel Coixet elaborou unha curtametraxe (Beyond the look) con escenas de filmes que lle agradan e inspiran a Manuel Outumuro (coa prístina voz de Victoria de los Ángeles de banda sonora); complemento perfecto para as instantáneas do bloque Seqüències.

O DHUB publica un luxoso catálogo no que se reproducen as fotografías a páxina enteira e onde se poden ler textos excelentes como prefacio a cada un dos seis espazos da mostra. Curiosamente os seis escritos son obra de seis mulleres: Margarida Ledo, Silvia Ventosa, Isabel Coixet, Lydia Kamitsis, etc. Outumuro. Looks. Vint anys fotografiant moda viaxará este verán a Santiago de Compostela (8 de xullo no Auditorium) e posteriormente a Madrid.

Blanc i negre, Elegancia. Body Art.

Manuel Outumuro comeza na fotografía levado pola familiaridade co medio, e mormente pola curiosidade, sempre a curiosidade. “Nos comezos pouco sabía das técnicas e de cámaras. Levaba anos, iso si, indicando aos fotógrafos como quería a foto, vixiando desde a maquillaxe e a indumentaria até o mobiliario. Facíalles apuntamentos de planos, de elementos. Só faltaba o detalle final: pórme por tras da cámara... e disparar”. Será esta a razón pola que Judit Mascó di (e dille a el): “Outumuro é o único fotógrafo que sabe de todo”? Ao que retruca Manuel: “O meu traballo levei para conseguilo”. E para xustificar as súas interferencias na laboura doutros profesionais argumenta con boato franciscano: “Gústame observar e propor maquillaxes, porque algo teñen que ver coa pintura, e interésanme os peiteados porque son xeitos de escultura”. Artista total.

Neste apartado moitas fotografías remontan aos anos 60, fotos de deseñador gráfico -pendente das formas xeométricas, dos fondos cegados-, de quen as prepara como se estivese esbozando viñetas dun cómic tecido con pespunte de alta costura. Fotos de dura pureza nos brancos e nos negros; estilismo minimalista. Referencias ao cine clásico? Nalgúns casos os contrastes son tan fortes que se diría que o artista está a facer propostas de body art, como tiña feito Klein, ou brinquedos Pop e Op art. O branco e negro é o que ten: permite a serena elegancia, esculturas de corpos e vestimentas.

Indrets. A Merca - Nova York.

Esta exposición valeume para revisar e revisitar o traballo de vinte anos. E mirar de atopar algunhas trazas identificativas do meu quefacer: atemporalidade, pureza no branco e negro, comodidade, sobriedade. Tamén me decatei de como o paso do tempo e as experiencias fan mudar a percepción, os xeitos de análise. Mirando agora os arquivos para preparar a exposición pregunteime máis dunha vez: como escollín esta foto para o cliente, se é mellor esta outra?”.

Non é o que máis se ve ao longo da mostra, que a toma sexa tan xeral, que a modelo quede integrada nos indrets, nas paisaxes, pasando a formar parte deles. Esas localizacións son xenerosas: edificios angulosos, paisaxes con auga, esculturas monumentais, carteis cinematográficos xigantes (o cine, sempre o cine). Hai vestidos metidos dentro de arquitecturas rococós, sobrevoando as pontes de París ou a punto de integrarse nunha pintura neoclásica. Manuel sempre busca a complexa convivencia entre estética, vestimenta e localización. Un vestido fotografado na Tate Modern leva pinceladas de Monet, un bañador reproduce a Jane na procura de Tarzán aló polas paisaxes de Kenia. Siluetas que emerxen do soño deseñado polos traballados gustos, pola sapiencia humanista.

A comezos dos 80 vaise a Nova York; cambio de aires. “Para min Nova York era unha gran pista de baile. Traballar de calquera cousa para sobrevivir, e as noites no Studio 54”. Alí puido lembrar e entender a sentencia que lle dicía o avó materno de cativo na Merca: “se non estudas vas ir picar ao subway”. O avó estivera emigrado en Nova York e traballara na construción do metro e, daquela, subway foi a primeira verba que o rapaz Manuel coñeceu en lingua inglesa.

O Avedon español. Retrats. Artesanía.

É o que máis lle agrada, o retrato sobrio, de fondos neutros e forzadas iluminacións. Algunhas das mulleres son captadas como se Manuel fose un pintor renacentista; xestos contidos, iluminación uniforme (pódese incluso ver unha “Dama da man no peito”). Noutros casos os contrastes lumínicos, as poses máis vitalistas e comunicativas obrigan a pensar en Vermeer e noutros artistas barrocos. Ramón Prat, un dos comisarios desta exposición, di de Manuel que é o Richard Avedon español. Case nada: fabricante de iconas por ser dono da linguaxe visual rigorosa e da naturalidade ascética. A picaresca do merquense e o seu gusto polas novidades faille argallar que algún día, coa súa cámara, fará retratos a persoas de altas ascendencias sociais, como os que Madame Vigée-Le Brun (a mellor pintora do século XVIII?) facía cos pinceis á realeza francesa.

Polas maneiras de traballar e mais de chegar á fotografía, considérome un artesán da imaxe. Un artesán ao que teñen asignado a curiosos lugares. Cantas veces lle terán dito a amigos e axentes (entre outras persoas Isabel Presley): 'este fotógrafo Outumuro é xaponés, verdade?'. Gustaríame ter retratado as divinas de Hollywood. Aqueles tempos non se vivían coa invasión visual actual, non había lexións de paparazzi. Por iso as grandes estrelas eran, estaban sempre, moi divinas”.

Que identidades pescuda o fotógrafo en obxectos e persoas? Poida que, como artista, dispare repetidamente para aportar novas perspectivas á mesma foto. Esa foto (obra global) que vai tecendo aos poucos -en relanzos de patchwork multidireccional, coa complicidade das modelos- atinxe o olimpo estético a carón dos artistas que destilan a caprichosa harmonía.

Por Favor. Poses i actituds. Clasicismo.

As fotos, segundo as necesidades da casa de moda e as posibilidades ambientais, percorren todos os planos; ora un xeral, ora un americano, máis aló un primeiro plano. E diante da cámara refulxen xoias, corpos, vestidos, faces. Que calidade atesoura unha alfaia? Un bocado da aura de quen a leva? Que xeito de descubrir as luces en cada instantánea! Outumuro, para celebrar eses máxicos matices, déixase cegar primeiro polas súas propias sombras. As instantáneas son espellos que reflicten a imaxinación coa que transcender a realidade cotiá.

Percorre a mostra -xa neste apartado de Poses i actituds, xa nos outros- unha auréola de fantástica serenidade que é transmitida por faces, corpos, roupas e lugares. Inevitable lembrar a sapiencia do fotógrafo para presentar imaxes que evocan a mellor pintura, o mellor cine, a mellor escultura. Inevitable, por exemplo, a relación cos mesurados traballos de Maillol, que até hai pouco moraron os cuartos de La Pedrera. Nas salas do DHUB a harmonía turra pola beleza sosegada, permanente, libre de artificios. Outumuro foxe de tendencias do momento, prefire quefaceres máis austeros, observados en fotógrafos de pasadas décadas. As súas instantáneas saben fundir clasicismo con vangarda, sobriedade con innovación técnica.

Teño boas lembranzas de cando traballei para a revista 'Por Favor'. Era o benxamín e así me chamaban Vázquez Montalbán, Marcé e o Perich. Deseños de urxencia, portadas, visitas á comisaría para declarar sobre tal ou cal viñeta. A revista 'Muchas Gracias' que sacabamos cando prohibían Por Favor. Daquelas tamén publicaba unha tira gráfica n'A Región de Ourense”.

Tres dimensións. Celebrities. Elegancia.

A súa ampla formación e traxectoria profesional permítenlle ter presente que a roupa non é inocente. Manuel sabe crear a simbiose entre modelo, roupa e pose para que a foto resulte unha obra clásica. “Sempre me interesou a evolución do vestido ao longo dos tempos. E chámame a atención o xeito de usar no cine determinadas pezas de roupa: Clark Gable arríncalle en Mogambo un pano a Grace Kelly e íspea, Holly Hunter cae na lameira (O Piano), e o seu vestido ínflase como o globo que a salva”.

Debuxante, deseñador gráfico, director de arte do suplemento La Vanguardia Mujer, comisario de exposicións, creador de imaxe de moitos deseñadores de moda, autor de spots publicitarios. Moitas cousas. E nos últimos vinte anos modelos, persoeiros da política ou das pantallas buscan o rigor virtuoso, a forza expresiva do artista (que non é outra cousa que o silencio luminoso que reverberan os seus retratos), e entréganse ao seu quefacer en tres dimensións. As tres dimensións de Manuel Outumuro son a filantropía coa que se achega á humanidade, o goce estético que alimenta as súas necesidades intelectuais en calquera obxecto, en calquera persoa, en calquera peza de roupa, e a ecofilia manifestada nun edificio, na fiestra aberta á paisaxe.

O fotógrafo que detén o tempo capturando ese intre nunha face, busca o seu propio retrato?

MOC 35 . Nosotros matamos a Stella. Seqüències.

O cine é unha das súas paixóns. Neste ámbito (Seqüències) Manuel Outumuro evidencia máis ca noutros a súa debilidade polo cine. Series de fotografías que mesturan maxistralmente cine e moda e que nos meten en El Gattopardo, Os Paxaros, Belle de Jour, Blade runner, ou Taxi driver.

Estudei nos Maristas de Ourense, interno, mentres os meus pais estaban emigrados en Venezuela. Teño moi bos recordos daqueles anos. Na roupa levaba bordado MOC35, o meu acrónimo: Manuel Outumuro Conde, nº 35.”

Outumuro é un artesán perfeccionista e romántico. Os románticos propuxeron o tempo esfarelado, o intre, como o tobo da emoción. Hai algo máis intemporal ca unha instantánea? O romanticismo reivindica a tradición ao tempo que esixe “futuro agora”. E Manuel crea series icónicas inspiradas en El Gattopardo, e tamén en Blade Runner.

Manuel Outumuro chega á fotografía como quen descarga a memoria visual que leva dentro (suxestións dos libros lidos, do cine visto no Xesteira de Ourense, imaxes captadas na xeografía exótica da Caracas dos anos sesenta). Se antes debuxaba para ir preparando as fotos que quería facer, andará agora a captar fotogramas para a súa vindeira faceta cinematográfica? Algúns indicios convidan a crer tal cousa. A foto que Manuel escolleu para a portada do catálogo e mais como imaxe publicitaria da exposición Looks, é (segundo afirma o artista) a protagonista do libro Nós matamos a Stella unha novela curta que Manuel quere que a súa amiga Isabel Coixet leve ao cine. E, dito polo fotógrafo, Isabel quere que o filme sexa obra de Manuel Outumuro.

Manuel Outumuro é o fotógrafo que sabe de todo. O seu talento e a curiosidade guían as súas inquietudes e riscan o vieiro dos proxectos que van vindo. Nalgúns deles hanse atopar o rebusque de MOC35 e as cámaras cinematográficas.

Galicia?

As miñas relacións con Galicia foron intermitentes. Primeiro na Merca cos avós, logo xa Barcelona, Nova York. Agora volvo ter máis contactos: meus pais están alá, teño amizades (fala moito de Maribel Outeiriño e de Margarida Ledo). Entristece Galicia, polo menos a que coñezo. Sinto como se houbese unha degradación da paisaxe, da xente, por non falar das arquitecturas. E agora estas teimas co galego. Hai que protexer e promover a lingua galega, é parte de nós e temos con ela unha débeda histórica. Foron moitos anos de maltrato e desprestixio. Sinto moito non falalo mellor do que o fago”.


EXPOSICIÓN: Outumuro. Looks. Vint anys fotografiant moda.

DHUB

Montcada, 12, Barcelona

Horario: de martes a sábado, de 11 a 19h., domingos, de 11 a 20h.

Até o 25 de abril de 2010.


4.1/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cartel da exposición Looks
Cartel da exposición Looks
Laura Ponte, 2007
Laura Ponte, 2007
Manuel Outumuro. Foto de Walter Galleguillos, 2009
Manuel Outumuro. Foto de Walter Galleguillos, 2009
Blade Runner, 2008 (detalle)
Blade Runner, 2008 (detalle)
Barbara Lennie, 2008
Barbara Lennie, 2008
Deseando amar, 2005
Deseando amar, 2005
Brazalete de Vasari. 2006
Brazalete de Vasari. 2006
Vestido de Missoni, 2006
Vestido de Missoni, 2006