Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Medida "inxusta e inoportuna"

UXT e CC.OO manifestaranse o martes en varias localidades do país contra o atraso na idade de xubilación

A marcha partirá ás 20.00 horas da praza da Palloza da Coruña e concluirá minutos máis tarde fronte á Delegación do goberno español en Galiza.

Redacción - 18:35 25/02/2010
Presentación conxunta en Vigo

Presentación conxunta en Vigo

Segundo informaron os secretarios comarcais de UXT e CC.OO, Xosé Carrillo e Xosé Manuel Lado, respectivamente, ambos os dous sindicatos vanse manifestar contra o atraso na idade de xubilación o vindeiro martes.

Consideran esta medida "inxusta e inoportuna", xa que, aseguraron, o sistema de pensións está garantido a curto e medio prazo e a súa modificación, aumentando os anos necesarios de cotización para percibir a prestación, levaría perdas de "como mínimo" o 5% nos importes das pensións.

Carrillo sinalou que a pensión media en Galiza (que se sitúa nos 634.61 euros) é xa a máis baixa do Estado, e advertiu de que o que o goberno español pretende "ir máis aló" dun atraso da idade de xubilación, xa que as medidas que propón, que afectan a pensións de viuvez e de orfandade, suporía na práctica unha reforma integral do sistema da Seguridade Social.

Así mesmo, informou de que, mentres no ano 1988 a taxa de traballadores por parado era de 2,34, en 2009 esa mesma taxa, malia a crise, foi de 2,57, polo que considerou que as présas en reformar este aspecto "non teñen sentido".

Na mesma liña situouse Ledo, que destacou que o español é, xunto co romanés e co búlgaro, o Estado coa idade real de xubilación máis alta da Unión Europea (63,77 anos), moi por riba da media da Unión Europea (61,5 anos).

No entanto, avogou por achegar máis a idade real á idade legal de xubilación e lamentou que o goberno español "estea a lles facer o xogo" ás entidades financeiras para lles facilitar captar clientes mediante os sistemas privados de pensións.

"O fondo de reserva está na mellor situación da súa historia", apuntou, xa que conta con perto de 60 mil millóns de euros, logo de que, grazas ao superávit de 8.500 millóns de euros da caixa da Seguridade Social, se destinasen a devandito fondo máis de catro mil millóns de euros.

Presenza dos secretarios nacionais
Por todo iso, os representantes sindicais fixeron un chamamento á participación cidadá na manifestación que, a nivel provincial, organizarán os dous sindicatos e que contará coa presenza dos secretarios nacionais tanto de UXT, Marcelino Brea, como de CC.OO, Xosé Manuel Sánchez Aguión.

A marcha partirá ás 20.00 horas da praza da Palloza da Coruña e concluirá minutos máis tarde fronte á Delegación do goberno español en Galiza.

Outras manifestacións
Tamén en Vigo, os secretarios locais de CC.OO e de UXT, Xosé Cameselle e Antonio Justo, presentaron esta quinta feira as mobilizacións conxuntas do martes. En Vigo, a manifestación sairá ás 20 horas do cruce da Vía Norte con Urzáiz. 

Á mesma hora, tamén están previstas marchas en Ourense (desde o Pavillón dos Remedios), en Vilagarcía de Arousa (desde a Casa do Mar), e ás 19.30 horas, en Lugo (desde o edificio dos sindicatos).


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: