Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Normalización na Administración

Xosé Blanco, en galego, defende o uso de todas as linguas oficiais no Senado

A Mesa felicítao e ínstao a que o ministerio o utilice con normalidade en Galiza. Por outra banda, o BNG recrimina o López Chaves que teime en usar o castelán no Hórreo.

Redacción - 17:15 24/02/2010
O ministro de Palas, Xosé Blanco

O ministro de Palas, Xosé Blanco

O ministro de Fomento, Xosé Blanco, pronunciou esta cuarta feira unhas palabras en galego ante o pleno do Senado para deixar clara a súa defensa do uso de todas as linguas oficiais na Cámara Alta ao parlamentario Miquel Bofill, que comezara a formularlle unha pregunta en catalán.

Bofill, senador de Entesa Catalana de Progrés, expresara a súa confianza en que o titular de Fomento, e o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, acepten que no Senado se poidan "usar con normalidade e naturalidade as linguas oficiais das Comunidades" nas sesións de control ao Executivo.

Antes de responder en castelán ás inquietudes de Bofill sobre as obras de desdobramento da N-II na provincia de Girona (Cataluña), Blanco comezou a súa intervención en galego para proclamar: "Eu tamén son dos que defendo que nesta Cámara se poida falar algún día en galego".

Ao respecto, A Mesa pola Normalización Lingüística felicitou o de Palas de Rei e instouno a que o seu ministerio o utilice con normalidade en Galiza. "Agardamos que este xesto se traslade a unha presenza normal do galego na Administración Xeral do Estado en Galiza, onde case todo está aínda por facer para o noso idioma", sinalou o seu presidente, Carlos Callón.

"Sería importante simbolicamente que o galego se puidese falar no Senado e no Congreso, mais é moitísimo máis importante que se garanta o dereito cidadán a recibir información e atención en galego no Ministerio de Fomento, que lamentabelmente continúa a actuar como se Galiza non tivese idioma propio", engadiu.

López Chaves teima en falar castelán

Por outra banda, a intervención en castelán do deputado do PPdeG Ignacio López Chaves tamén esta cuarta feira no pleno da Cámara provocou a protesta desde as bancadas do BNG.

Durante os dez minutos que falou, os deputados nacionalistas ergueron carteis coa proposición non de lei aprobada por unanimidade a pasada semana e que instaba os altos cargos da Xunta a "facer uso público, tanto oral como escrito" do galego no desempeño da súa responsabilidade pública.


4.13/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: