Véntase a primavera e casan os paxariños nesta altura do 2 de febreiro.
"Cando a candeloria chora, medio inverno vai fóra; e que chore ou que deixe de chorar, a metade do inverno está por pasar". Velaí o refraneiro vizoso do país aplicándolle sabedoría ao inicio deste mes de febreiro.
Máis alén da pegada relixiosa que o paso dos séculos lle impuxo a este día, coa beizón das candeas a usar na Semana Santa seguinte, a tradición galega ofrece para esta xornada outras fermosas implicacións. O feito de sentírense no aire os primeiros abrollos do que axiña será a primavera outórgalle outro simbolismo, do mesmo xeito que acostuma a dicirse que é o tempo do casamento dos paxariños e que, de Candeloria en diante, "ningunha ave voa soa" e até onde a memoria da xente chega, fálase deste día como a "festa da luz". Escribiu Luis Amado Carballo: "Na catedral do abrente/oxe cásans'os paxaros,/con nubens de neve e ouro/está o ceo galanado (...)"