Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Proxecto Ronsel

O patrimonio inmaterial musical do país cobra forma nun libro de referencia

Presentouse o ambicioso volume 'Os instrumentos musicais na tradición galega', escrito por Pablo Carpintero e editado por Difusora.

Redacción - 12:45 27/01/2010
Capa do libro

Capa do libro

O patrimonio inmaterial musical do país xa conta cunha obra de referencia. Os instrumentos musicais na tradición galega, de Pablo Carpintero, presentouse este mércores no reitorado da USC, ao abeiro do proxecto Ronsel, no que participan as tres universidades, que contaron con cadanseu representante.

O traballo cataloga e clasifica cientificamente 144 instrumentos, algo que aínda estaba por facer en Galiza. Segundo o seu autor, que foi recollendo información durante 16 anos, o libro estabelece ademais o que entendemos os galegos por instrumento musical, que no país vai ligado directamente á capacidade de producir unha melodía, e que a gaita de fol é o instrumento prototípico.

A través de case 500 páxinas e mil fotografías, e con ilustracións de Xoán Ramón Marín, o libro tamén reflicte o feito de que en Galiza, até hai moi pouco, se conservan instrumentos de orixe paleolítica, ou que na aprendizaxe musical dos máis novos se plasma a evolución histórica dos instrumentos musicais.

O director da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas, Xavier Paz, o libro supuxo un grande reto e afirmou que servirá de cartón de presentación tanto para a propia editora como para Ronsel. O impulsor do proxecto e vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area, valorou o intenso traballo que supuxo a edición do libro, que cualificou de "definitivo". Así mesmo, salientou que a Unesco avale a obra, que á súa vez é un paso máis para o recoñecemento do noso patrimonio inmaterial. Por último, afirmou que o traballo é único no mundo, e máis tendo en conta que é froito do traballo dun único autor.

O feito de se ter presentado na sala reitoral da USC simboliza tamén a unión das tres universidades do país nesta empresa e anunciou que Ronsel seguirá adiante con iniciativas que frutifiquen en novas "xoias para a nosa cultura".


4,56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: